Vanse realizar obras na capela de Santas Mariñas do Sar

luns, 11 Novembro, 2019

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso as obras de mantemento da capela de Santas Mariñas do Sar, por un importe global de 57.090,90 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 27 de novembro para presentar as súas propostas. Prevese que a intervención estea rematada nun período de tres meses.

 

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Pablo Tomé. Explica que a actuación encamíñase á realización das tarefas de reconstrución do tellado, renovación da pintura das fachadas e renovación da drenaxe exterior dos muros.

 

O arquitecto indica que “a capela mantense, en xeral, en bo estado, agás a parte caída do tellado na cornixa da fachada norte. Ademais, o inmoble presenta pequenas alteracións na súa envolvente”. Así, o contorno do óculo que hai na parte central da fachada amosa unha importante mancha de humidade producida pola mala evacuación da auga da espadana e da ventá oval. As partes baixas dos muros das fachadas teñen tamén manchas de humidade, como consecuencia do mal estado da drenaxe e do salpiqueo da auga da chuvia. As fachadas necesitan renovar a pintura e o muro de contención á rúa ten un revestimento de madeira que precisa dunha limpeza e restauración.

 

As intervencións propostas

 

O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións previstas, vaise levar a cabo a limpeza e restauración das partes de pedra das catro fachadas e da espadana, xunto á renovación da pintura. Tamén se pintarán as carpinterías exteriores de madeira.

 

Vaise revisar o tellado, percorrendo a cuberta e reparando, ao mesmo tempo, as partes en mal estado. Prevese a colocación dunha gárgola para favorecer a evacuación da auga da chuvia no encontro entre a fachada sur e a sancristía. Así mesmo, impermeabilizaranse tanto a base da espadana como a parte inferior do óculo da fachada principal.

 

Por outro lado, renovarase a drenaxe xa tupida. Ademais, modificarase a altura do pasamáns de subida na escaleira de acceso dende a rúa. E está previsto tamén restaurar o revestimento de madeira do muro á rúa e limpar o muro da fonte.