A historia da cidade de Santiago, narrada entre o literario e o fantasioso

martes, 10 Decembro, 2019

O Consorcio de Santiago e Urco Editora publican Longas sombras na pedra, relatos en torno á historia da cidade de Santiago escritos por María Alonso, David Botana, Héctor Cajaraville, Cris Pavón e Mariña Pérez Rei.

 

Tal como explican os impulsores desta iniciativa, “esta publicación xorde como unha alternativa á historia da cidade de Santiago de Compostela, un relato oficial xa de por si alicerzado na lenda. A lexitimidade á hora de recrear a historia da cidade vén dada pola súa orixe entre o literario e o fantasioso, o que permite unhas licenzas que talvez na abordaxe da historia doutra cidade non terían cabida”. Esa é a proposta de partida deste volume: achegar unha nova visión arredor do nacemento de Compostela como urbe, sempre cun pouso de misterio e de enigma.

 

Cada un dos nove relatos do libro está situado nun momento da historia da cidade, coa intención de abranguer desde o período en que Compostela nin sequera existía até a súa época contemporánea. Entremedias, episodios tan sobranceiros como o achado do sepulcro do Apóstolo, a Inquisición ou a presenza da masonaría na cidade. O resultado final é un percorrido narratolóxico que se detén nos capítulos que marcaron o carácter desta cidade, nacida dun milagre e convertida, por obra e graza das súas xentes, nunha das capitais espirituais de Occidente.

 

O libro inclúe unha guía didáctica dirixida a alumnado de Bacharelato

 

A publicación incorpora unha guía de lectura, realizada pola filóloga Raquel Vila-Amado, na que se recolle o argumento de cada un dos relatos, as personaxes que interveñen en cada un, así como o espazo e o tempo no que transcorre cada historia. E, ao final, inclúense unhas propostas didácticas dirixidas a alumnado de Bacharelato.