O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de mantemento da ermida de Nosa Señora das Angustias, en Agualada de Marantes, realizadas pola empresa Sergiu Alexandru Tatarcán por un importe global de 29.645 euros.
Esta pequena capela románica sitúase no Camiño Inglés de Santiago. Xa existe dende o século XII, data á que pertence parte do presbiterio. No século XVI, ao demoler o claustro románico da Catedral compostelá para construír o actual, un dos arcos levouse a esta capela e consérvase facendo de arco de triunfo da mesma -é un arco románico tallado pola escola do Mestre Mateo-.
A igrexa, reedificada no século XVI, está dentro dun recinto murado co adro. Algunhas partes da capela foron construídas entre os séculos XVI e XVIII. Resaltan os leóns que flanquean a entrada e que lembran aos do Pórtico da Gloria da Catedral. E no interior do inmoble destaca o seu retablo.
As intervencións realizadas
A capela mantíñase, en xeral, en bo estado excepto a fachada exterior, que tiña a pedra superficialmente deteriorada, polo que se limparon as catro fachadas e a espadana.
Por outro lado, o balado que rodea o adro atopábase en mal estado, coa pedra invadida pola vexetación, de xeito que se procedeu á súa limpeza e restauración. No interior, a ábsida tiña as partes baixas con manchas de humidade que afectaban de forma importante ao retablo, polo que se formou unha gabia de drenaxe ao redor da capela, co fin de resolver o problema da humidade. Así mesmo, levouse a cabo a limpeza e consolidación do muro de cachotería que rodea a parcela da igrexa.
A escaleira de subida ao coro, estreita e con moita pendente, non tiña pasamáns, o que facía perigoso o seu uso, de maneira que se instalou un. Ademais, pintouse a varanda do coro. Tamén se pintaron as lámpadas de ferro e os vellos mobles da sancristía.
O falso teito da sancristía, de madeira, tiña manchas de humidade debido a problemas no tellado. Así, renovouse a súa cuberta, coa instalación dunha cambota de luz para poñer en valor as pilastras medievais da cabeceira da igrexa, que estaban ocultas polo falso teito. Cando mellore o tempo, pintaranse as tres fachadas do corpo da sancristía.