“Castelao. Construtor da nación”, mellor iniciativa bibliográfica de 2019 na Gala do Libro Galego

luns, 11 Maio, 2020

Os Premios Gala do Libro Galego é unha iniciativa da Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia. O xurado da quinta edición dos premios, cos que se pretende recoñecer a excelencia do traballo realizado no eido editorial ao longo de 2019 en Galicia, celebrou esta fin de semana unha reunión telemática para dar a coñecer os galardoados deste ano. 

 

Na modalidade de “iniciativa bibliográfica” resultou gañadora a obra Castelao. Construtor da nación. Tomo I 1886-1930, a primeira parte da biografía do intelectual galeguista escrita polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane como resultado da súa tese de doutoramento e que terá continuidade noutros dous tomos. É unha coedición do Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia.

 

Nesta ampla biografía de 1.331 páxinas recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”. Trátase do primeiro volume dunha “biografía monumental”, concibida por Miguel Anxo Seixas case coma un diario da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto á actualidade da época. Ademais, o libro ilústrase con fotografías que mostran diferentes momentos da súa traxectoria.

 

Esta publicación é o resultado do labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación ao redor da figura de Castelao. O autor plasma, de xeito moi pormenorizado e rigoroso, aspectos ignorados ou esquecidos de quen foi unha das personalidades fundamentais da nosa terra e analiza todo o que se escribiu sobre el “para tentar facer esa biografía pendente”. Nesta liña, cómpre ter en conta que Castelao estivo vetado pola ditadura ata 1975 e en parte oculto ata 1984.

 

O historiador ordenou e datou todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal, onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía, ao longo dos seus 63 anos de vida” -sinala-.

 

O autor achégase á “obra morta” de Castelao

 

Miguel Anxo Seixas explica que o primeiro paso foi achegarse á “obra morta” de Castelao, todo o que se conserva do que el escribiu e tamén da súa obra gráfica e pictórica. Desta obra existía unha parte pública, editada xa en vida del, e outra privada e inédita, de xeito que acudiu ou investigou os lugares onde se atopa esa obra: Galicia, Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Buenos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami.

 

Este primeiro volume, que vai de 1886 a 1930, recolle as orixes da súa familia (inclúe unha árbore xenealóxica dos Rodríguez e dos Castelao), o seu nacemento, a realización do Bacharelato en Compostela, os seus estudos de Medicina (durante esta etapa foi guitarrista e caricaturista da Tuna), a súa mocidade, os seus primeiros encontros coa pintura, a escritura e a ilustración, a súa familia, as súas incursións como actor, a súa vida política, as viaxes ou a morte do seu fillo, entre outras vivencias. A este volume seguiranlle outros dous, que van de 1931 a 1939 e de 1940 ata o seu falecemento en 1950.