O Consorcio de Santiago puxo en marcha a finais de xaneiro unha nova convocatoria do programa “Terémanter”, dirixido á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas -en particular as reixas tradicionais- e ao mantemento da envolvente exterior dos inmobles da cidade histórica de Santiago. A través destas axudas búscase ademais apoiar a mellora da eficiencia enerxética e o illamento acústico dos edificios. O organismo interadministrativo destina a esta convocatoria un importe global de 410.000 euros.
Xa rematado o prazo para acceder a estas axudas, o Consorcio de Santiago recibiu un total de 89 solicitudes, o que representa un incremento do 39 % con respecto ás do ano anterior. Esta cifra é valorada como “moi positiva” polo organismo, o que implica que “os propietarios están moi concienciados da importancia de manter as súas vivendas”. Prevendo que a convocatoria ía ter boa acollida, o Consorcio xa incrementou nun 36 % o orzamento destinado a estas axudas, pasando de 300.000 € na convocatoria de 2020 a 410.000 euros na deste ano.
Das 89 solicitudes, 12 xa dispoñen de proxecto; e das 77 solicitudes restantes os técnicos da Oficina Técnica do Consorcio encargaranse de redactar a memoria técnica.