O mestre estucador Oriol García explica os beneficios da cal aérea

xoves, 15 Xullo, 2021

Oriol García, mestre estucador, fala dos beneficios das cales aéreas como material en obras de construción e rehabilitación. Impartiu un taller de revocadura no Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación (CEGOR), que promoven o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción.

 

Vinte e cinco alumnos recibiron clases teóricas e prácticas sobre as propiedades da cal aérea, material que permite xerar máis capas e traballar en volumes, polo que se pode cortar e partir, segundo explica García, estucador en sexta xeración. “Este tipo de cal compón ben nun morteiro, favorece distintos acabados, é transpirable e non xera eflorescencias, é  dicir, actúa como un bactericida que evita os fungos. É moi recomendable en territorios con humidade”, engade. 

 

Antes do inicio do curso, o arquitecto do Consorcio Ángel Panero acompañou aos asistentes a realizar unha visita á pioneira fábrica de Xilonor (Coirós), que se dedica á fabricación de taboleiros de madeira contralaminada sobre pezas macizas de piñeiro galego. Panero destacou a “importancia” que o Consorcio lle outorga á formación práctica e avanzada. 

 

Ver vídeo