O Consorcio de Santiago presenta este luns un libro da autoría de Ana Pérez Varela pertencente á Biblioteca Científica Compostelana e coeditado coa editorial Andavira no que se afonda sobre a vida de Ricardo Martínez Costoya, recoñecido orfebre compostelán, que traballou a cabalo entre os séculos XIX e XX.
Baixo o título "El platero compostelano. Ricardo Martínez Costoya (1859-1927). Contexto, vida y obra" o libro representa o máis amplo estudo sobre este artista compostelán, no que se inclúen extensos e minuciosos métodos de investigación e contextualización do seu traballo, que se pode enmarcar no campo do eclecticismo.
A obra, foi gañadora do VI Premio de Ensaio Histórico "Domingo Fontán", que convocan a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela.
No acto de presentación, que se celebrou este luns 4 de abril na sé da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago estiveron presentes, xunto coa autora, o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade, Antonio López; o presidente da Real Sociedade Económica, Francisco Loimil; a xerente do Consorcio Belén Hernández e a responsable da editorial Andavira, Lucila Ventoso.
Prateiro da Catedral
O prateiro Ricardo Martínez naceu en Santiago no ano 1859, cidade na que desenvolveu principalmente o seu traballo. A maior parte da súa obra desenvolveuna realizando traballos de pratería para a Catedral, á que estivo vencellado durante 38 anos, entre 1886 e 1924.
Destaca, dentro da súa obra, a realización da urna que contén as reliquias do Apóstolo Santiago, na cripta, executada dende o obradoiro de José Losada. Xunto a ela, Ricardo Martínez realizou un bo número de pezas de prata, tales como cruces, relicarios, tallas, lámpadas, vaixelas ou imaxes sacra.
Ademais de en Compostela, tamén traballou para outras institucións relixiosas e para particulares.
A autora, Ana Pérez
Ana Pérez Varela (O Barco de Valdeorras, 1989), é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en 2013 obtendo o premio extraordinario da carreira. Tamén é diplomada en Maxisterio Musical pola mesma universidade. Durante o seu doutorado, formou parte do grupo de investigación Iacobus GI-1907 e publicou máis dunha decena de artigos en revistas científicas. Os seus traballos de investigación centráronse na reconstrución da historia da pratería e o acibeche composteláns, o funcionamento do sistema gremial, e especialmente, as artes industriais no tránsito do século XIX ao XX en Compostela.