O Consorcio de Santiago e Edicións Positivas presentan unha obra ambientada no Hospital Psiquiátrico de Conxo que afonda na memoria e na saúde mental

Presentación "Tempo de Pedra"
martes, 24 Marzo, 2026

O Consorcio de Santiago e Edicións Positivas presentaron este martes 24 de marzo na Casa das Asociacións de Cornes a publicación “Tempo de Pedra”, do autor Ramón Area. A publicación edítase con motivo do I centenario da anexión do concello de Conxo, despois da súa primeira edición no 2015.

 

Na presentación o autor estivo acompañado por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Francisco Macías, director de Edicións Positivas; e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.

 

“Tempo de Pedra” parte do descubrimento dunha lápida no cemiterio do Hospital Psiquiátrico de Conxo cunha inscrición en alemán, un elemento que serve de punto de arranque para reconstruír, a través da ficción, a vida de Wilhelm Friedrich Mette, capitán da mariña mercante alemá e eixo narrativo da obra. A partir desta premisa, Ramón Area desenvolve un relato que combina elementos documentais e ficción para abordar non só a biografía deste personaxe, senón tamén cuestións máis amplas relacionadas coa psiquiatría.

 

A novela propón así unha aproximación literaria ao día a día dos hospitais psiquiátricos, presentados como espazos suspendidos no tempo, onde a vida cotiá e as historias persoais adquiren unha dimensión singular. A través dunha prosa que combina observación e imaxinación, o libro ofrece unha reflexión sobre a loucura e os seus tratamentos, ao tempo que constrúe unha mirada profundamente humana sobre pacientes e profesionais.

 

Unha obra que dialoga coa cidade, Conxo e o universo psiquiátrico

 

A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, salientou durante a súa intervención o carácter singular da obra, destacando que está escrita por un profesional da psiquiatría que desenvolve a súa actividade no Hospital de Conxo, o que lle achega unha perspectiva especialmente relevante. Neste sentido, sinalou que “Tempo de pedra” convida a falar como unha “matrioska” que vai abrindo distintos niveis de lectura, desde a Compostela literaria ata o popular barrio de Conxo, tamén un barrio universitario, ata chegar ao propio universo psiquiátrico.

 

Así mesmo, puxo en valor a presenza da psiquiatría ao longo da narración, a través de reflexións, diálogos e cuestións vinculadas aos diagnósticos e á propia disciplina, ao tempo que destacou a capacidade da obra para cuestionar os límites entre o real e o imaxinario a partir da historia de Wilhelm Friedrich Mette.

 

Ramón Area

 

Psiquiatra. Estudou medicina en Compostela e fixo a especialidade na Cátedra do antigo Hospital Xeral de Galicia. Traballou en Lugo, e actualmente no servizo de psiquiatría de Santiago.

 

É autor, entre outros, de libros como: “Sobre las alucinaciones” (2004, AGSM), “La conciencia” (2006, AGSM), “Psicopatoloxía do retorno (en colaboración con Alexandre García Caballero, Premio Ramón Piñeiro de ensaio, 2006, Ed. Galaxia), “Arquitecturas da infancia” (en colaboración con Luís Vila Pillado (2010, Laiovento). Publicou textos e artigos en publicacións especializadas, sobre todo na revista Siso Saúde, e participou en varias monografías colectivas publicadas pola AGSM. Publicou, en Edicións positivas, as novelas “Camiño negro” (2020), “Sen alento” (2022), e “Caixa de música” (2023).