O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentan unha obra que recupera parte da memoria industrial de Santiago de Compostela

Presentación “Historia Industrial Vidán–Laraño”
xoves, 9 Abril, 2026

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentaron o xoves 9 de abril na Casa das Asociacións de Cornes a publicación “Historia Industrial Vidán–Laraño”, do arquitecto Diego Campos-Juanatey e pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio de Santiago.

 

Na presentación o autor estivo acompañado por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; José Luis Teófilo Piñeiro, director de Teófilo Edicións; e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.

 

A publicación “Historia Industrial Vidán–Laraño” ofrece un percorrido pola evolución dun dos enclaves industriais máis singulares da contorna de Santiago de Compostela, recuperando a memoria dun espazo hoxe transformado pero que conserva importantes pegadas do seu pasado produtivo.

 

O estudo toma como punto de partida o complexo industrial promovido en 1792 polo comerciante compostelán Jacobo Pérez Villamarín, formado por unha fábrica de curtidos de peles, unha fábrica de papel e varios muíños fariñeiros, e reconstrúe a evolución da zona a través da análise histórica e arquitectónica dos seus principais elementos.

 

A obra combina unha visión global do conxunto cunha aproximación específica aos distintos edificios, contribuíndo a poñer en valor a arquitectura industrial e a súa relevancia na historia urbana e social da cidade.

 

Descubrir o pasado industrial de Compostela

 

A alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, salientou durante a súa intervención o valor da publicación para ampliar a mirada sobre a historia de Santiago máis alá do seu ámbito monumental, destacando a importancia de “botar luz sobre barrios e parroquias que teñen moito que contar e que agochan unha historia intensa e pouco coñecida”. Neste sentido, puxo en valor o traballo de Diego Campos-Juanatey á hora de reconstruír unha memoria que, en moitos casos, quedou fóra dos grandes relatos históricos.

 

Así mesmo, destacou que a obra permite comprender a evolución do ámbito de Vidán–Laraño desde finais do século XVIII ata a actualidade e subliñou que o libro “ofrécenos o relato do tempo de, entre outras cousas, unha cooperativa residencial, unha industria punteira, un centro sociocultural e zona de ocio e un hotel singular”, amosando a profunda transformación deste territorio ao longo do tempo.