O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentan unha novela gráfica que recupera a memoria dos “escalatorres”

Presentación “Bestiario das alturas. A incrible historia dos escalatorres”
martes, 21 Abril, 2026

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentaron este martes 21 de abril na Casa das Asociacións de Cornes a publicación “Bestiario das alturas. A incrible historia dos escalatorres”, unha novela gráfica escrita por Inacio Vilariño e ilustrada por Iván Suárez, que recupera a memoria dos coñecidos como “escalatorres”, figuras singulares que protagonizaron espectáculos de gran risco en diferentes cidades de Galicia e do noroeste peninsular antes da Guerra Civil.

 

Na presentación o autor Inacio Vilariño estivo acompañado por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Henrique Alvarellos Casas, director de Alvarellos Editora; e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.

 

A publicación reúne quince biografías baseadas en feitos reais que dan conta das extraordinarias fazañas destes artistas circenses, capaces de ascender sen protección a torres e edificios emblemáticos. Entre eles figuran personaxes como o granadino Puertollano, que coroou a Torre Berenguela en 1909; o Barquerito Manuel Escudero, que escalaba vestido de toureiro a torre da Peregrina de Pontevedra; ou os portugueses Antonio Sousa e a súa muller, coñecidos como Os Morcegos, que escalaron a concatedral de Vigo cos ollos vendados.

 

A partir deste material histórico, a obra constrúe un relato de ficción ambientado en 1965, no que, grazas ao daquela alcalde de Pontevedra, Xosé Filgueira Valverde, o escritor Álvaro Cunqueiro coñece ao escalatorres Barquerito. A través da súa conversa, van xurdindo estas grandes fazañas.

 

“Bestiario das alturas” propón tamén unha reflexión sobre o medo e a maneira de afrontalo, inspirándose na idea de que este sempre permanece ás nosas costas, tal e como recollía o propio Cunqueiro.

 

Divulgación e memoria a través da banda deseñada

 

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, salientou o valor da publicación como unha proposta en banda deseñada que permite achegar contidos de interese dun xeito máis didáctico e accesible, destacando tamén o labor do Consorcio na promoción de obras de calidade e o interese desta historia, na que a realidade supera á ficción.

 

Así mesmo, amosouse convencida de que a obra xerará expectación, agradecendo a implicación de Alvarellos Editora nesta cuestión, e estableceu unha conexión coa cidade ao lembrar o recente espectáculo de Nadal no que varios bailaríns realizaron unha intervención artística colgados do Pazo de Raxoi.

 

Sobre os autores

 

Inacio Vilariño e Iván Suárez (Lalín, 1974; Santiago, 1973) foron galardoados co Premio Castelao de BD por Titoán (2010). Posteriormente publicaron “O pobre tolo (2012), “Máis alá (2013) e “Atila (2015), todos eles arredor da figura de Castelao. Entre os seus traballos máis recentes figuran tamén “As pombas de Carboeiro (2020) e “O voo da curuxa (2022).