A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago está a promover a restauración e conservación das pinturas murais que saíron á luz na igrexa de Santa María de Figueiras. O seu estado era moi malo pola acción da humidade e, sobre todo, pola repercusión de obras anteriores nos muros do edificio e a aplicación de encalados e cemento sobre a superficie pictórica. Os traballos de restauración, adxudicados á empresa Alfa, teñen un orzamento de 16.651,90 euros. Comezaron en setembro e xa están a piques de rematar.
Os expertos aseguran que a igrexa estivo cuberta de frescos pero nos anos 70 afundiu o muro sur, o que obrigou a unha intervención en profundidade sobre o templo. Daquela parecía que xa non había pinturas e finalmente as paredes quedaron cubertas por unha grosa capa de recebo de cemento. As que se conservan, aínda que estaban moi deterioradas, apareceron detrás duns retablos, de aí que non sufrisen as consecuencias das diferentes obras que se realizaron no edificio.
Trátase de pinturas ao fresco, de estilo renacentista, que poderían datar do século XVI. Apareceron en dous rectángulos verticais localizados a ambos lados da nave, próximas ao presbiterio, e en varios fragmentos das paredes do mesmo.
As pinturas da nave
En canto á nave, na parede do lado da epístola consérvase unha superficie rectangular de desenvolvemento vertical na que parece apreciarse a silueta e algúns elementos, en particular unha espada, dun personaxe. Vense con claridade as pernas, os pés e a cabeza e, máis difuminado, o tronco e un obxecto sobre o lombo esquerdo do personaxe. En principio, as dimensións e a postura fan pensar que pode tratarse de San Cristóbal.
Na parede do Evanxeo obsérvase unha superficie similar na que tamén se intúe a silueta dun personaxe. Neste caso podería tratarse dun “Ecce Homo”, pois a figura leva coroa de espiñas e unhas canas entre as mans. Nesta escena resulta complexa unha lectura correcta da mesma debido a que se mesturan dúas imaxes superpostas, pertencentes a dous momentos pictóricos diferentes.
As pinturas do prebisterio
No prebisterio consérvanse tres fragmentos, dous deles na parede do Evanxeo. Un, de pequenas dimensións, situado cara á metade da parede, no que se ven restos dunha coroa. E outro, máis grande, próximo ao retablo. Neste último resulta imposible ler a imaxe pero podería tratarse dalgún motivo decorativo. Na parede da epístola consérvanse restos de pintura completamente cubertos por unha lixeira capa de cemento, preto do retablo maior.