A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a iluminación interior da igrexa da Orde Terceira Franciscana, integrada no conxunto do convento de San Francisco. Os traballos, que comezaron hai dúas semanas, remataron hoxe mesmo. O presuposto da obra ascendeu a un total de 11.500 euros.
Tal como explica o arquitecto do Consorcio Xosé Allegue, “a iluminación é unha carencia que presentan a maioría dos templos. Non sempre é a axeitada para a celebración do culto e das diferentes cerimonias relixiosas. E, ademais, búscase a posta en valor do interior da propia edificación”. Deste xeito, con esta intervención trátase de mellorar a visibilidade de determinados elementos no interior da nave, en particular os retablos, que teñen un importante valor artístico. Destaca o retablo central e os quince que locen nas naves laterais. Así mesmo, déuselle maior luminosidade aos coros, ás cúpulas, ás bóvedas e a outros compoñentes arquitectónicos de interese que posúe a capela.
En concreto colocáronse cinco luminarias en ambos laterais da igrexa, ocultas nas cornixas interiores que percorren o muro a unha certa altura, co fin de iluminar certas zonas e que se vexan con claridade as bóvedas. Tamén se buscaba iluminar o altar maior, ao tempo que se instalaron cintas de led para iluminar a cúpula. E, ademais, mellorouse notablemente a iluminación tanto do coro baixo como do coro alto.
A capela atribúese ao arquitecto galego Domingo de Andrade. Está estruturada nunha planta rectangular simple cuberta con bóveda de canón e unha capela maior de planta cadrada cuberta cunha cúpula.