O Consorcio de Santiago e Turismo de Compostela promoveron o obradoiro “Planificación de uso público para Sitios Patrimonio Mundial en tempos de crise”. A xornada celebrouse o 22 de marzo na sede da Fundación Torrente Ballester, en Santiago de Compostela. Desenvolveuse entre as 9:30 e as 14:00 horas pola mañá e entre as 16:00 e as 20:00 horas pola tarde.
Nesta xornada abordáronse as claves da planificación en Sitios Patrimonio da Humanidade dende unha perspectiva de implementación exitosa dos seus obxectivos de xestión e de sostenibilidade no tempo. Os contidos do mesmo albergaron aspectos tan diversos como o perfil dos visitantes a espazos patrimoniais europeos, a psicoloxía do visitante, a interpretación do patrimonio como ferramenta de xestión ou por que e para que facer un programa de uso público. Mostrouse como construír un marco estratéxico básico e presentouse a cidade portuguesa de Évora como caso de estudo.
Esta iniciativa ía dirixida a xestores de Sitios Patrimonio da Humanidade ou de lugares de alto valor cultural ou natural, museos, xestores de turismo, tour operadores e guías de turismo especializados en lugares de patrimonio natural ou cultural. Tamén estaba orientada a educadores e profesionais dedicados á difusión e conservación do patrimonio.
Expertos con experiencia en todo o mundo
Contouse coa participación de Jon Kohl, experto en planificación interpretativa e membro fundador do PUP Global Heritage Consortium, unha plataforma aliada do Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO e do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. Asesora no deseño e implementación dos Plans de Uso Público en numerosos lugares Patrimonio Mundial de América, Europa e Asia.
Pola súa parte, o galego Fernando Ramos é director de comunicación de Ineco, unha empresa que, entre outras actividades, se dedica ao deseño de exposicións para centros de visitantes. Ademais, é experto internacional do UICN (Comité Español da Unión Internacional para a Conservación da Natureza) e do Convenio de Ramsar. Ten deseñado e posto en marcha numerosos centros de visitantes, exposicións itinerantes, sendeiros autoguiados e visitas guiadas; e formado a guías e xestores de turismo natural e do patrimonio de numerosos lugares e Parques Nacionais de España, África e Latinoamérica.