O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, visitaron as obras que se están a realizar na igrexa do Convento de Santa Clara. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago está a traballar na restauración da tarima de madeira que cobre o chan do templo, xa que estaba afectada por pudricións e deteriorada en moitas zonas, o que dificultaba o normal deambular. O orzamento das obras ascende a 55.418 euros.
Os traballos iniciáronse a mediados de agosto. Unha vez retirada a tarima de madeira para a súa restauración, descubriuse que o chan de lousas de pedra que hai debaixo da mesma está cheo de monteas. Trátase de debuxos ou trazas a tamaño natural de elementos arquitectónicos ou estruturais realizados preto do seu lugar de emprazamento para que sirvan como guía á hora de construílos.
O achado, “de gran valor histórico-artístico, documental e patrimonial” segundo os técnicos, considérase de sumo interese, pois parecen realizadas polas cuadrillas de canteiros encargados da construción do último corpo da fachada da portería do convento, así como da talla do seu complexo aparato decorativo a base de placados xeométricos e outros elementos como arcos e volutas. Todo, probablemente, baixo a dirección do famoso arquitecto compostelán Simón Rodríguez, mestre de obras do convento entre 1719 e 1724.
Estes debuxos seguen unha premisa que cómpre ter en conta á hora de identificar o seu fin, segundo advirten os expertos: Todos están gravados nas paredes e chans dun edificio concreto, porque serviron para unha reforma ou unha renovación. Ademais, localízanse en recintos veciños da zona obxecto de intervención, de aí que en Santa Clara aparezan dentro da igrexa, zona próxima á fachada-portería en construción, onde os canteiros poderían traballar protexidos das inclemencias do tempo.
Estase a realizar un estudo histórico das monteas e organizaranse xornadas de portas abertas para dalas a coñecer ao público
Tal como sinalou o alcalde, “o Consorcio vai desenvolver un estudo histórico destes elementos singulares. Realizarase unha análise dos mesmos, de cara a coñecer a súa orixe e o seu significado”. Este estudo terá unha duración de dous meses e durante este tempo a igrexa permanecerá pechada ao culto. De seguido procederase á colocación da nova tarima, para o que se aproveitará boa parte do material existente. Estímase que as obras estean rematadas a finais de ano. E, segundo apuntou o alcalde, o seguinte paso será actuar nas baixantes do convento, co propósito de atallar os problemas de humidades que afectan ao inmoble.
Unha vez avanzado o estudo histórico das monteas, organizaranse unhas xornadas de portas abertas, previstas para principios de outubro, para que os cidadáns teñan a oportunidade de coñecelas. E celebraranse unhas charlas por parte dos historiadores que van efectuar o estudo.
Monteas de calidade superior ás atopadas nas catedrais da Santiago e Tui
O debuxo é a principal ferramenta de traballo do arquitecto á hora de proxectar novos edificios e intervencións. Na xénese de todo inmoble existe unha traza mestra asinada polo artífice e presentada ao cliente interesado, así como debuxos e plantillas de taller, utilizados a pé de obra polo aparellador e os seus operarios. Na Galicia da Idade Moderna dos séculos XVI, XVII e XVIII o papel é fráxil, caro e pouco práctico, polo que se vai optar polo uso frecuente da montea, é dicir, debuxos arquitectónicos a tamaño real gravados directamente sobre a pedra nos chans e paredes da propia obra.
Por tanto, son trazas de elementos estruturais para a talla correcta polos canteiros de sillares, dovelas, fustes e molduras, así como de dinteis, arcos, entaboamentos, etcétera. As máis frecuentes corresponden a soportes, arcos e bóvedas, especialmente cando as súas dimensións son importantes. Nos últimos anos apareceron en Galicia diversos exemplares nas catedrais de Santiago e Tui; mosteiros como os de Celanova e Montederramo; conventos como os de San Domingos de Bonaval, San Clodio en Leiro (Ourense) ou Santa Clara en Tui; e noutros edificios como o Colexio dos Xesuítas de Monforte de Lemos. Segundo declaracións do alcalde de Santiago, Agustín Hernández, as monteas localizadas na igrexa do Convento de Santa Clara poderían ser de máis calidade que as de todos estes templos.