Comezan as obras no beirado da fachada do convento de San Paio

domingo, 6 Decembro, 2015

 

O Consorcio de Santiago comezou as obras no beirado da fachada do convento de San Paio de Antealtares, co fin de eliminar as humidades no interior do inmoble e as pingueiras na rúa. Os traballos, que se van executar no prazo de tres meses, teñen un orzamento global de 18.059,17 euros.

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que a finalidade é mellorar o sistema de saída das augas pluviais para solucionar os problemas de humidades que se producen no interior do edificio e as molladuras na rúa debido ao estado de conservación dos faldróns que dan á rúa de San Paio de Antealtares.

 

A arquitecta indica que nesta parte do mosteiro realizáronse obras entre os anos 2006 e 2009, consistentes principalmente na restauración da fachada. Neste período recuperouse así mesmo a cornixa orixinal do edificio, que estaba cuberta por tella, de xeito que se puxeron en funcionamento as gárgolas orixinais e o canlón de recollida da choiva. As gárgolas da última parte desta ala do mosteiro, feitas nun momento posterior, son ornamentais, polo que non valen para desaugar a choiva. Por este motivo fixéronse dúas gárgolas de zinc e aceiro inoxidable, de cara a evitar a acumulación de pluviais.

 

A orientación das gárgolas provoca molleiras nos veciños e comerciantes da rúa

 

Trala modificación do beirado deste faldrón do tellado, as novas gárgolas de zinc e aceiro inoxidable dirixen a auga da choiva de xeito perpendicular á fachada. Nesta parte da rúa hai edificios con uso tanto de vivienda como locais comerciais nos baixos. E a auga da choiva dificulta, con moita frecuencia, o acceso tanto aos portais como aos locais situados fronte ás gárgolas.

 

A humidade no interior do edificio afecta tanto á zona habitada polas monxas como á residencia de estudantes 

 

Por outro lado, os traballos previos realizados nesta ala do edificio centráronse sobre todo no paramento de pedra da fachada e na recuperación da canle de recollida de auga da choiva, pero non nos propios faldróns, na tella e nos encontros cos elementos sobresaíntes como os floróns e as chemineas das antigas celas das monxas. A cuberta ten a tella colocada con morteiro de cemento sobre pranchas de fibrocemento. Maila que a comunidade de monxas mantén a cuberta no mellor estado posible, a tella é moi vella e os encontros con eses elementos, de chumbo nalgún caso e de tea asfáltica noutros, están xa rachados ou mal reparados.

 

Como consecuencia, hai humidades no interior do edificio, na zona habitada tanto pola comunidade como nos corredores e habitacións da residencia de estudantes. Ao mesmo tempo, a auga que escapa do tellado pode mollar igualmente os muros polo interior. Polo tanto, cómpre reparar estas humidades para non causar danos maiores.

 

A intervención 

 

Co fin de atallar estes problemas, realizarase un percorrido da cuberta, coa reposición da tella que se atope en peor estado. Substituirase o material da cuberta que non se poida recuperar, prevendo a colocación dalgunhas novas pranchas de fibrocemento baixo a tella. Ademais, revisarase a canle oculta de zinc, que recolle a auga da choiva desta cuberta, con previsión de renovar algún pequeno tramo. E modificaranse as gárgolas existentes para evitar as molladuras aos veciños dos edificios situados fronte a elas.