Preséntanse os resultados do estudo sobre as humidades do lousado da Capela do Cristo de Conxo

venres, 1 Xullo, 2016

Os arquitectos que realizaron a investigación sobre o escurecemento húmido que afecta ao lousado da Capela do Cristo da Igrexa de Santa María de Conxo presentaron os resultados da mesma aos veciños, xunto cunha proposta de actuación para solucionar este problema. 

 

A arquitecta que dirixiu o estudo é Soledad García Morales, profesora titular do Departamento de Construción e Tecnoloxía Arquitectónica da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid e pertencente ao Grupo de Análise e Intervención no Patrimonio Arquitectónico. Na presentación estiveron tamén os outros dous arquitectos galegos que participaron na investigación e forman parte do seu equipo, Raquel Otero e Hugo Allegue. Asistirán, ademais, o párroco, Manuel Pérez; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e Lourdes Pérez, arquitecta do Consorcio.

 

O equipo de arquitectos realizou en 2015 un seguimento do comportamento do edificio mediante técnicas de monitorización higrotérmica, inspeccións periódicas, ensaios in situ e no laboratorio. As conclusións deste seguimento revelan que o terreo está húmido baixo as lousas, e que esta humidade retense anormalmente, tanto no terreo como na pedra, debido á presenza de sales higroscópicas, en particular nitratos. A contaminación por sales é máis alta na superficie das lousas que na súa parte inferior e fai un dobre efecto: por unha parte, retén a humidade que provén do terreo e, por outra, atrae e condensa o vapor de auga do aire ambiente da capela. Estes dous mecanismos impiden o secado do pavimento, que xa de por si é difícil porque non hai condicións favorables do aire exterior.

 

Na parte da investigación levada a cabo por Hugo Allegue conclúese que os nitratos que se acumulan na superficie das lousas poden ter unha orixe antiga, cando o lousado estaba revestido por un entarimado enrastrelado, e por debaixo estendíase unha capa de cinzas, sobre o lousado. O amoníaco procedente dos lixiviados do cemiterio e do corpo de nichos adxacente á capela, transportado pola auga infiltrada ao terreo, ao evaporar na zona do lousado, podería ter sido captado en gran medida polas cinzas, pola súa alcalinidade, e produciríanse nitritos. Estes poderían ter sido logo transformados a nitratos por bacterias nitrificantes, aínda presentes nalgunas das mostras analizadas.

 

O estudo realizado conclúe que o proceso de contaminación está prácticamente detido na actualidade, pois as augas pluviais foron canalizadas co sistema instalado polo Consorcio na obra anterior realizada na capela.

 

As sales presentes nas lousas eliminaranase con bacterias

 

Para resolver o problema da contaminación salina, a única solución é sanear os materiais, é dicir, proceder á súa desalación. Para iso cómpre levantar as lousas e “lavalas”, xa que os nitratos son moi solubles en auga e poderían eliminarse “bañando” as lousas en auga limpa. Pero algunhas lousas poderían romperse no levantado, posto que están moi disgregadas debido ao ataque das sales durante tanto tempo, polo que se desbota esta opción. Entón os expertos decidiron realizar probas de desalación in situ empregando varios métodos, entre os que destaca o da desalación con bacterias.

 

A ventilación da capela

 

Por outro lado, deberá controlarse a ventilación da capela, cerrando as ventás de ventilación continuada existentes e poñendo en funcionamento o que debeu ser o sistema orixinal de ventilación, polos óculos abertos na súa cúpula. Haberá que deseñar un cerramento que permita a ventilación, sen deixar entrar a choiva, e que se abra entre os meses de xuño e setembro, sempre que o grao de humidade do aire exterior sexa inferior ao interior. O aire entraría dende a igrexa, a través da porta que comunica coa capela, e sairía pola cúpula. O tiro produciríase de maneira natural, por diferenzas de densidade.

 

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de publicar o resultado desta investigación na súa colección on line “Cadernos Técnicos”. As conclusións destes traballos servirán como referente para abordar o mesmo problema da humidade en outras edificacións históricas da cidade.