Conclúen as obras de renovación do escenario do Teatro Principal

mércores, 2 Novembro, 2016

O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de renovación do escenario do Teatro Principal. A intervención centrouse fundamentalmente na realización de tarefas de acondicionamento e renovación do sistema escénico, xunto coa substitución dos importantes canlóns situados sobre os muros medianeiros do edificio. O orzamento global desta actuación ascendeu aos 101.371,15 euros.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Pablo Tomé. Explica que no corpo do escenario revisouse a cuncha acústica. “Construíuse hai preto de vinte anos, polo que precisaba unha revisión mecánica de todas as partes que a compoñen e na súa conexión coas bambalinas” -sinala-.

 

Ademais, renovouse a cámara negra no escenario. Esta parte do sistema escénico, composta de diferentes teas, é moi utilizada e sufriu moito polo seu uso. Atopábase en mal estado e non cumpría coa resistencia necesaria fronte ao lume. Por outro lado, instalouse un mecanismo para facilitar o uso da gran lámpada central do teatro, que tamén se restaurou. E substituíuse a grande alfombra central da platea.

 

Na estrutura metálica que forma a cuberta do escenario aplicouse un revestimento con pintura intumescente, xa que na actualidade non cumpría co tempo necesario de resistencia en caso de incendio. Fixéronse arranxos nas portas, nas barandas das pasarelas da caixa escénica, estanterías na sala de proxección, persianas nas taquillas e repintado de diversas partes do teatro.

 

Outras actuacións realizadas no edificio

 

Entre as actuacións que se levaron a cabo no edificio destaca a renovación dos canlóns situados sobre os muros medianeiros, xa que a falta de pendente producía apozamento da auga e desbordamento fóra da baixante. E no tellado repuxéronse as tellas que presentaban deficiencias.

 

Nas escaleiras mellorouse a accesibilidade, elevando a altura dos pasamáns existentes, que estaban moi baixos. E colouse outro pasamán na parede oposta, “fundamental para a seguridade nas escaleiras, que se usan moito” -indica o arquitecto Pablo Tomé-, ao tempo que se renovaron as luces de sinalización das escaleiras.

 

Por outro lado, renovouse o corpo de vestiarios, en particular os pavimentos das escaleiras, as mesas dos tocadores e a pintura das paredes. Así mesmo, pintouse a fachada traseira do teatro, incluída a cheminea de ventilación. Actualizáronse as instalacións eléctricas e de iluminación das pasarelas e da caixa escénica e renováronse sete bocas de incendios equipadas.

 

Na entrada púxose un moble de información e almacenamento. No aseo da planta baixa colocouse un cambiador de bebés e un desfibrilador. E instalouse un vello proxector de cine similar ao que houbo no teatro hai 50 anos, posto que durante o século XX o Principal ofrecía fundamentalmente cine.