Retómanse as obras de Bonaval e a instalación dun ascensor no edificio do Conservatorio Histórico

xoves, 16 Abril, 2020

O Consorcio de Santiago puxo de novo en marcha esta semana as dúas obras que se viron afectadas polo decreto que obrigou a paralizar todas as actividades non esenciais durante quince días, o que incluía ao sector da construción. Así, retomouse a obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego, promovida e dirixida polo Consorcio; ademais da obra de instalación dun ascensor no edificio situado na Praza de Salvador Parga nº 4, na cidade histórica, sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedad Económica de Amigos del País.

 

No caso de Bonaval, xa poden comezar as obras na cuberta, en particular a renovación da tella. Estase a traballar ademais na adaptación do novo ascensor de alta capacidade que se vai  instalar no edificio. E, entre otras tarefas, avanzarase na colocación do acabado do chan, en linóleo.

 

Por outra parte, retomouse a instalación do ascensor que permitirá garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do edificio sede do Conservatorio Histórico. Desde a Oficina Técnica do Consorcio prevén que a intervención podería estar rematada nun prazo máximo dun mes. O ascensor xa está practicamente instalado, así como o recubrimento da estrutura. Tamén están rematados ou a piques de finalizar os traballos relativos a electricidade, fontanería, tabiquerías, cantería, alicatados e ferro.

 

O Consorcio traballa con normalidade

 

Tal como salienta a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, “estamos a desempeñar con total normalidade o noso labor desde o inicio da crise sanitaria, con todo o noso persoal activo a través do teletraballo. Previmos a situación e, no momento de declaración do estado de alarma, tiñamos mercados e adaptados os equipos informáticos necesarios. Con iso e o redireccionamento de chamadas aos teléfonos móbiles, teletraballamos todos sen problemas”.

 

A xerente indica que “estamos ao día en pago de certificacións, facturas e nóminas; avanzamos na tramitación de subvencións, licitacións e redacción de proxectos e plans directores, dentro da marxe que a suspensión de prazos administrativos nos marca. Tamén continuamos sen problema na compilación, revisión e deseño das publicacións previstas para este ano. E seguimos co proxecto europeo no que estamos inmersos, con todos os nosos socios en Europa tamén confinados, o que nos axuda a traballar con máis forzas”.

 

Por outro lado, sinala que “a nosa asistencia xurídica, a Avogacía do Estado en Lugo e a nosa intervención -o interventor do Concello de Santiago- tamén están a funcionar con dilixencia e normalidade, o que facilita a nosa actividade. Nesta situación, a xerente destaca tamén o esforzo do informático do organismo, “sempre pendente das nosas necesidades e requirimentos, pero en especial nestes días, no que o seu labor se fai imprescindible”. Indica que só resulta necesaria a presenza física dos arquitectos directores das obras en marcha os días que deben cursar o seguimento das mesmas.