Adxudícase a redacción do Plan Director do Pazo de Raxoi

mércores, 18 Xaneiro, 2017

O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a redacción do Plan Director do Pazo de Raxoi á Unión Temporal de Empresas Ezcurra e Ouzande Arquitectura & Redondo, Valladares y Rodríguez Arquitectos; por un importe global de 102.124 euros.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Xosé Allegue. Explica que, froito dun convenio co Concello de Santiago, vaise redactar o Plan Director de todo el edificio. “Será o documento guía para a adecuada conservación, restauración e sostibilidade do monumento, a partir do estudo e coñecemento en detalle do ben, así como da súa relación co contorno” -indica-.

 

O arquitecto salienta que o Plan redáctase con dúas finalidades básicas. Por un lado, facilitar un estado de conservación e mantemento adecuado ao valor patrimonial do edificio de uso civil máis importante da cidade, declarado Ben de Interese Cultural dende 1912, favorecendo a exemplaridade dende un Concello que é un referente en políticas de rexeneración da súa cidade histórica. E, polo outro, mellorar as condicións de traballo dos funcionarios municipais, do Consello da Cultura  e da Consellería de Presidencia.

 

O Plan establecerá as pautas de restauración en función dun estudo previo exhaustivo do inmoble. Fixarase un plan de usos dos espazos dispoñibles. Diagnosticaranse os problemas existentes como poden ser posibles patoloxías da pedra, problemas estruturais e de cuberta, presenza do gas radón, replanteo das instalacións…; proporanse solucións aos mesmos e priorizaranse as intervencións a través dun plan de actuacións e investimentos. Ademais, preveranse as actuacións de rehabilitación, reestruturación parcial e valoración arquitectónica compatibles coa protección do edificio.

 

O documento debe incluír unha descrición pormenorizada do edificio, da súa composición física, construtiva e arquitectónica, do seu estado de conservación e das patoloxías que lle afectan. Tamén recollerá unha análise crítica do seu valor cultural e do seu contido, unha análise do edificio no contorno urbano no que se empraza, xunto cun estudo pormenorizado sobre a investigación arqueolóxica. E analizarase de modo rigoroso a eficiencia enerxética do edificio e das súas instalacións, así como a súa accesibilidade física, de cara a realizar propostas para a súa mellora.