Aparece o resto dunha lápida antiga na cornixa da fachada da igrexa do Convento de San Francisco

Aparece o resto dunha lápida antiga na cornixa da fachada da igrexa do Convento de San Francisco
mércores, 20 Novembro, 2013

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago está a promover a limpeza da fachada principal da igrexa do Convento de San Francisco, de finais do século XVIII. A intervención céntrase na eliminación de humidades, plantas, mofos e algas, así como da sucidade provocada polo excremento das pombas. As obras, adxudicadas á empresa Techné, teñen un orzamento de 62.547,55 euros. Os traballos comezaron en setembro deste ano e está previsto que rematen no mes de decembro.

 

Os traballos de limpeza da fachada están a sacar á luz aspectos de enorme interese histórico e artístico. Nesta liña, destaca a aparición dunha lauda antiga. “Trátase do resto dunha lápida cunha inscrición gravada. A pesar de que apareceron máis noutros puntos da fachada, o sorprendente é que esta se empregase como recheo na cornixa do primeiro corpo do edificio, a 18 metros de altura. É posible que para a construción da igrexa se reutilizaran pedras da igrexa orixinal” -sinala a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga-.

 

Por outro lado, descubriuse que a figura de San Francisco e o anxo que o acompaña, no grupo escultórico situado enriba da porta de entrada da igrexa, estaban orixinalmente policromadas. Aínda se conservan restos de cor, malia que é case inapreciable. “Sabemos que o lombo do libro que suxeita o anxo era vermello, que o propio anxo era rubio e que o pano que cobre o seu corpo era azul intenso. As súas ás son de madeira e nas súas orixes estaban pintadas de branco. A pedra desta zona é a máis branda porque é a que ten máis dificultade de labra e, polo tanto, é a que máis sofre” -explica a arquitecta-. Así mesmo, os capiteis do corpo central do edificio estaban pintados.

 

O problema das pombas

 

Tal como indica a arquitecta do Consorcio, “o guano de pomba fai moito dano ao conxunto escultórico e arquitectónico”. En intervencións anteriores a fachada foi provista de cintas con pugas, que resultan eficaces para combater os danos ocasionados polas pombas durante un período de tempo relativamente curto. “Non parece que exista unha solución definitiva para este problema. Haberá que poñer en marcha un programa estable de mantemento e limpeza superficial programada dos restos orgánicos e plántulas que poidan comezar a enraizar na pedra da fachada” -afirma Idoia Camiruaga-.

 

Así, dende a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago proponse colocar de novo tiras prefabricadas de dobre fileira de pugas, sobre unha base de polímero transparente. E suxiren que esta iniciativa se complete cun programa de limpeza do guano das pombas cada catro anos. Nesta liña, aproveitarase para deixar instaladas unhas pequenas ancoraxes, invisibles dende o exterior, que faciliten as futuras actuacións de limpeza que se leven a cabo na fachada da igrexa.