A Casa do Cabido acolle “Parafernalia”, unha exposición retrospectiva do escultor César Lombera

venres, 22 Decembro, 2017

A Casa do Cabido acolle a exposición Parafernalia, unha retrospectiva da obra do escultor César Lombera. Amósase o universo popular, fantástico, festivo, teatral e colorista do autor ao longo das súas diferentes etapas. “Tiña un especial interese por expoñer na Casa do Cabido polas propias características do edificio, un emblema barroco da cidade e de Galicia, cunhas particularidades arquitectónicas que me atraen moito como artista, cheo de recunchos nos que amosar obras moi dispares” -salienta-.

 

Boa parte do traballo do escultor baséase no estudo das tradicións galegas, que en moitas ocasións reinterpretou dende a ironía e o humor acedo. En Santiago, Lombera é o autor dos xigantóns da catedral, que a principios dos anos noventa do pasado século substituíron aos barrocos, que estaban en moi mal estado de conservación. No que se refire á recuperación de tradicións perdidas, destaca a Coca e o Coco composteláns, dos que elaborou para a Fundación Catedral a maqueta que se exhibe nesta exposición. Pero, sen dúbida, o artista é particularmente recoñecido en Compostela por dúas das súas esculturas: a das Marías na entrada da Alameda, convertida xa nunha das iconas da cidade; e a de Valle-Inclán, sentado nun banco tamén na Alameda. Exemplos de personaxes que están presentes nesta exposición sobre todo a través de maquetas a escala da súa colección persoal.

 

O mundo teatral e parateatral ten un espazo relevante nesta mostra, na que se exhiben máscaras de carnaval, xigantes e cabezudos, demos, cocas e fotografías. Ademais, expóñense pezas doutros ámbitos de interese do artista, destacando esculturas en aluminio pulido vencelladas ao mundo mariñeiro, tan importante en Galicia e en particular na ría de Arousa, que acolleu a Lombera na súa infancia e, xa dende hai algúns anos, como lugar de residencia e traballo.

 

Noutro espazo abórdase o “humor negro”, unha serie de esculturas e debuxos de gran formato de figuras negras. Tamén se resaltan formas orgánicas, esculturas de gran tamaño realizadas con distintos materiais como bronce, madeira… E poden verse esbozos, cadros ou debuxos creados polo autor ao longo da súa traxectoria.

 

Cada unha das seccións nas que se divide a mostra acompáñase dun texto explicativo. Ademais, o texto de presentación da exposición é de Ramón Yzquierdo, o director do Museo da Catedral de Santiago, que colaborou co artista na selección das obras que finalmente integran esta retrospectiva.

 

O teatro e a recuperación das tradicións

 

O período formativo de César Lombera está marcado pola súa relación familiar co mundo da fundición, o ambiente político e social da súa xuventude e, en particular, pola súa estancia en Barcelona entre 1973 e 1978, onde se move nos ambientes teatrais da cidade. No Institut del Teatre afonda no mundo parateatral mediterráneo, que, ao seu regreso a Galicia, aplicará aos costumes e tradicións da terra. “Neste sentido, foi un verdadeiro innovador, e grazas a el téñense recuperado e posto en valor moitos elementos etnográficos” -salienta Ramón Yzquierdo-.

 

A mostra permanecerá na Casa do Cabido ata mediados de febreiro

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do vindeiro mes de febreiro. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.