A Casa do Cabido reúne 50 fotografías de Xurxo Lobato homenaxe a Rosalía de Castro

venres, 8 Abril, 2016

Baixo o título “Airiños Aires, Rosalía”, o Consorcio de Santiago colabora cunha exposición de instantáneas na que o fotógrafo galego Xurxo Lobato rende homenaxe á ilustre poetisa. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías.

 

Esta exposición, patrocinada pola Obra Social “la Caixa”, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, é froito dun traballo de tres anos. Trátase dunha mostra itinerante que arrancou en Lugo e percorrerá as outras seis cidades galegas. Reúne un total de 50 imaxes en branco e negro, en gran formato (100 x 70 cm), acompañadas na súa maioría por fragmentos de poemas de Rosalía.

 

As casas nas que viviu e os lugares que poetizou

 

Esta mostra representa unha viaxe con Rosalía de Castro a través da singular ollada de Xurxo Lobato. As imaxes amosan os referentes espaciais máis relevantes da biografía da autora, xunto con aqueles que tan intensamente poetizou. Así, o fotógrafo subliña determinados espazos exteriores e paisaxes, xunto con espazos interiores que van dende a intimidade das estancias domésticas da súa casa ata a inmensidade da Catedral de Santiago. E retrata ademais contornos que evocan a vida de Rosalía para os que a poetisa non tivo textos explícitos. É o caso do interior da Capela do Hospital Real de Santiago, en cuxa pía foi bautizada, ou o sartego do Panteón de Galegos Ilustres, onde xace. E Lobato viaxa tamén ao Madrid da súa mocidade, ao das súas primeiras aventuras literarias, ao que a xunta para sempre con Murguía.

 

Na vida e na obra de Rosalía, como se destaca nesta exposición, os dous referentes espaciais de maior peso son Santiago e Padrón. A Compostela máis granítica da Catedral, das campás e das rúas, pero tamén a Compostela máis verde, protagonizada pola carballeira de San Lourenzo. E de Padrón amósase Adina, cemiterio ao que cantou; Arretén, casa na que naceu a súa nai; Iria Flavia, o seu epicentro vital e literario; o río Sar; a Casa da Matanza…

 

Durante a travesía, o autor amosa a casa de Castro de Ortoño (Ames), onde viviu coa súa tía durante a súa infancia; a casa na Rúa Real de Vigo, onde se publicou “Cantares Gallegos” en 1863; ademais das casas nas que viviu na Coruña, en Santiago e en Madrid. E mesmo recolle a súa presenza en Castela, onde o seu marido traballou no Arquivo de Simancas (Valladolid).

 

O autor tamén retrata á propia Rosalía, a través das súas esculturas en pedra, figuras de cerámica, óleos e debuxos.

 

Unha particular homenaxe a Rosalía de Castro

 

Xurxo Lobato explica que esta exposición é “a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu  protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela... E unha muller que tamén ama a natureza”.

 

O fotógrafo manifesta que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade”. E sinala que estas fotos “queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”.

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido ata finais de xuño

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata finais do mes de xuño. Poderá visitarse no horario habitual, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.