Baixo o título “Rostros”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de retratos realizados polo pintor Carlos Maside a personaxes contemporáneos seus, rostros que o artista recolleu durante os anos 20 e 30 do pasado século. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías.
Esta exposición reúne máis de cen retratos, pertencentes na súa maioría ao legado familiar, realizados a lápis, pluma ou tinta sobre papel; xunto a dous gravados, un de Castelao e un autorretrato do propio autor. Expóñense ademais unha serie de fotografías do pintor, algunhas das cales se exhiben por primeira vez; libros e documentos que axudan a contextualizar a figura deste artista nunha etapa, a da preguerra en Galicia, inqueda e chea de cambios sociais, políticos e culturais.
A comisaria da exposición, Mercedes Rozas, explica que se trata dos retratos orixinais que Maside fixo para varios xornais da época cos que colaboraba como “Nueva España”, “El Pueblo Gallego” ou “Faro de Vigo”. Debuxaba a persoeiros destacados do momento da vida política, cultural, médicos, escritores, artistas… Polo seu significado circunstancial, destaca o retrato que lle fixo a Valle-Inclán, estando recén falecido en Santiago. Ademais, políticos como Castelao, Manuel Azaña, Ramón Cabanillas ou Ánxel Casal; médicos como Nóvoa Santos; ou escritores, poetas e pintores como Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Manuel Antonio e Manuel Colmeiro son retratados baixo a extraordinaria lupa do debuxo de Maside.
Tal como explica a catedrática de Historia Mª Esther Rodríguez, documentalista da mostra, “o retrato que Maside produce con rara facilidade e fecundidade caracterízase, coma o seu debuxo en xeral, pola simplicidade expresiva das liñas, logrando captar ao retratado no xesto ou na figura. Con frecuencia, deixa sen realizar certos rasgos por non consideralos esenciais, e no seu lugar esaxera os máis característicos”. Así, nalgúns retratos a atención céntrase nas mans, na figura ou no rostro; noutras o rostro pode estar desprovisto de ollos ou de boca, sen alterar o parecido físico ou moral do retratado. “O artista lograba sintetizar nunhas liñas a personalidade do retratado, deixando un testimonio gráfico fundamental para o estudo da nosa Historia” -salienta a catedrática-.
A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido ata mediados do mes de marzo de 2017
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do vindeiro mes de marzo de 2017. Poderá visitarse no horario habitual do museo, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.