Clase maxistral de óboe con Eduardo Martínez

Clase maxistral de óboe con Eduardo Martínez
luns, 11 Novembro, 2013

No marco das clases maxistrais da EAEM, hoxe luns 11 de novembro e mañá martes, os interesados terán a oportunidade de recibir unha clase de óboe, que imparte o recoñecido oboísta valenciano Eduardo Martínez Caballer. Ademais, dentro das actividades do festival Cineuropa, interpretará, xunto á pianista Eriko Ishimoto, obras de Bach, Britten, Saint-Saëns, Mozart e Hindemith. Será o mércores día 13 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas.

 

Na actualidade e dende 2001 Eduardo Martínez é profesor de óboe na "Escola Superior de Música de Catalunya". Nacido no municipio valenciano de Godella en 1964, realizou a súa formación musical no Conservatorio de Valencia e en diferentes escolas europeas, en particular cos prestixiosos oboístas suízos Thomas Indermühle e Heinz Holliger. Desenvolve unha intensa actividade orquestral con diversas formacións nacionais e internacionais. E dende 1991 é óboe solista da "Orquesta Ciudad de Granada". Tamén foi membro residente do grupo de música de vangarda vienés "Klangforum Wien". Ademais do seu labor como músico de orquestra, integra numerosos grupos de cámara.