Comeza a restauración das reixas da fachada de Santa Clara

domingo, 23 Agosto, 2015

O Consorcio de Santiago adxudicou a intervención no enreixado das ventás da fachada principal do convento de Santa Clara á empresa Construcciones y Rehabilitaciones Torres Cambre, S.L.  A obra, cun prazo de execución estimado de tres meses, ten un orzamento global de 40.931,98 euros. 

 

Trátase da terceira fase da intervención, xa que en actuacións anteriores a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago xa promoveu a restauración de varios tramos de reixas da fachada deste inmoble. 

 

O Convento de Santa Clara presenta problemas nos enreixados das ventás de todas as fachadas. Pero especialmente importante é a fachada principal, polo perigo de desprendemento dalgunhas das pezas á rúa de Santa Clara. As reixas están corroídas, en particular nos seus engarces na pedra. Teñen notables mermas de sección, que nalgúns casos non asegura a suxeición, co risco de caída que isto comporta.

 

“Debido a que as reixas están unidas á pedra con chumbo, a súa durabilidade foi moi alta. Non obstante, o ferro das garras remata co paso do tempo e debido á intemperie por xerar óxido, o que provoca un considerable aumento do volume que non pode ser absorbido polo chumbo e que pode chegar a provocar a rotura da pedra -indica a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga-.

 

Ademais da posible caída dalgunha das reixas, algúns ocos das ventás presentan fendas ou roturas que poden producir o desprendemento da pedra. Así, nalgunhas ventás será necesario actuar tamén nos recercados da pedra, coa substitución dalgunha peza.