Comeza a restauración do retablo pétreo da fachada principal do Convento das Madres Mercedarias

Comeza a restauración do retablo pétreo da fachada principal do Convento das Madres Mercedarias
martes, 12 Novembro, 2013

O Consorcio de Santiago está a iniciar os traballos de restauración do retablo pétreo da fachada principal do Convento das Madres Mercedarias. As obras adxudicáronse á empresa Tomos e o equipo técnico está integrado por tres restauradores, que contarán coa colaboración puntual dalgún canteiro. Está previsto que os traballos, que dispoñen dun orzamento de 19.904,50 euros, estean rematados en tres meses.

 

Na fachada loxitudinal do Convento das Madres Mercedarias, tamén coñecido como Convento da Encarnación, destaca a portada, profusamente decorada e cuxa traza se debe a Diego de Romay. O corpo central é espléndido; a ambos lados sitúanse senllos escudos eclesiásticos xemelgos do arcebispo fundador Andrés Girón, quen encargou a obra en 1674, e no centro, enmarcada por pilastras e cornixa, está esculpida unha escena da Anunciación, obra de Mateo de Prado. A fachada está integramente construída con sillería de granito. Nas carpinterías emprégase o ferro e a madeira e a cuberta é de tella árabe.

 

Rosa Benavides é a restauradora encargada deste proxecto. Indica que os problemas de conservación que presenta esta fachada están relacionados coa retención de humidades e débense ao mal estado das cornixas e, probablemente, ao deficiente funcionamiento das gárgolas por falta de mantemento.

 

As figuras do relevo da Anunciación perderon partes do seu corpo

 

Por outro lado, o máis destacable no relevo da Anunciación é a perda de elementos escultóricos: man dereita da Virxe, man dereita e brazo esquerdo do arcanxo e cabeza do Espírito Santo. No caso das mans parece que se trataban de pezas independentes. A restauradora afirma que intentarán recuperar as pezas orixinais para poder repoñelas, no caso de que as relixiosas do convento as conserven. Tamén se observa algún perpiaño con erosión máis acusada.