Comeza a sexta edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR2024)

martes, 30 Abril, 2024

 A Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago colaboran un ano máis na formación e especialización en xestión de obras de rehabilitación cun programa de 300 horas de duración

 

O prazo de inscrición continúa aberto


A Fundación Laboral da Construción de Galicia, co apoio do Consorcio de Santiago, programa unha nova edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras e Rehabilitación (CEGOR2024), baixo a coordinación académica de Ángel Panero, arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio. A sexta edición comezou o venres 26 de abril coa sesión impartida por Ignacio Soto, arquitecto municipal do Concello de Teo.

 

O CEGOR continúa mantendo o seu carácter práctico, apostando no seu programa por visitas a empresas, artesáns e talleres prácticos, ademais das sesións teóricas e prácticas impartidas por profesionais de recoñecido prestixio no sector. O programa está orientado tanto a profesionais en activo como a estudantes, independentemente do seu nivel de formación ou experiencia profesional. A súa metodoloxía panorámica pretende saciar a curiosidade polo ámbito da rehabilitación e intervención en obras.

 

Máis de 40 profesionais referentes en áreas como xestión administrativa, fábricas tradicionais, madeira ou envolventes impartirán clases venres e sábados na sede da Fundación Laboral en Santiago de Compostela (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13) no Centro de Referencia de Formación en Materia de Rehabilitación, ata o próximo mes de novembro.

 

Como en anteriores edicións, para facilitar a asistencia das persoas participantes ás que lles sexa imposible trasladarse ao Centro de Formación de Santiago, a parte presencial da acción formativa está aberta a realizarse tamén a través da “Aula virtual” da Fundación Laboral.

 

Obxectivos do CEGOR


Dar a coñecer as particularidades das obras de rehabilitación dos inmobles e edificios protexidos respectando o seu valor patrimonial é o principal obxectivo formativo do CEGOR. Ademais, as persoas asistentes á formación tamén adquirirán unha visión global das fases dunha obra de rehabilitación, coñecerán os seus aspectos legais e administrativos e traballarán tamén no desenvolvemento de técnicas tradicionais e procedementos, medios e sistemas da construción contemporánea.

 

Os máis de 150 profesionais que xa realizaron o CEGOR en pasadas edicións destacan a formación recibida como unha ventá a outras fórmulas e metodoloxías, ao coñecemento dos oficios e da tecnoloxía, aos materiais, novos e tradicionais, aos procedementos administrativos e aos programas de axudas públicas á rehabilitación.

 

O prazo de inscrición para as últimas prazas dispoñibles continúa aberto. O proceso de inscrición detállase no seguinte enlace: https://microsites.fundacionlaboral.org/cegor