O Consorcio de Santiago asinou o pasado verán un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago para a redacción do Plan Director do edificio da Facultade de Xeografía e Historia. Esta mañá reuníronse representantes de ámbolos dous organismos para avanzar neste proxecto.
Para o seguimento deste convenio constituíuse hoxe unha Comisión Paritaria formada por catro membros: o xerente da Universidade de Santiago, José Manuel Villanueva; o responsable da Área de Infraestructuras da USC, Arturo Campanero; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e a responsable da Oficina Técnica do organismo interadministrativo, Lourdes Pérez. Así mesmo, formará parte desta Comisión, con voz pero sen voto, o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso.
Esta Comisión coordinará as actuacións entre as dúas entidades. Ademais da constitución desta Comisión, na xuntanza desta mañá definiuse o ámbito exacto de actuación sobre o que se vai realizar o Plan Director. Deuse conta do traballo técnico avanzado ata o momento. E aprobouse o plan de traballo que se vai levar a cabo e as fases do mesmo.
Historiadores, arqueólogos, restauradores, enxeñeiros e documentalistas da USC e arquitectos do Consorcio traballarán xuntos neste plan
O inmoble, que deu acubillo á USC dende o ano 1767, está catalogado polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago como de “nivel 1”, co que se recoñece a excepcional calidade arquitectónica e valor histórico do conxunto e, ademais, calquera intervención no mesmo debe rexerse por un Plan Director de Restauración. Pola súa parte, o Consorcio de Santiago recolle no seu plan de actuacións 2015-2025 a intención de redactar os plans directores de restauración dos edificios monumentais de maior entidade do casco histórico, entre os que se atopa a Facultade de Xeografía e Historia.
Historiadores, arqueólogos, restauradores, enxeñeiros e documentalistas da USC e arquitectos do Consorcio traballarán xuntos neste plan, que establecerá as pautas da restauración en función dun estudo previo exhaustivo do edificio. Fixará o programa de uso e condicións de adecuación e preverá as actuacións de rehabilitación, reestruturación parcial e valoración arquitectónica compatibles coa protección do inmoble, incluíndo un estudo para a mellora da eficiencia enerxética do edificio.