Continúa aberto o prazo para as clases que impartirá o percusionista da Orquestra Filarmónica de Berlín

venres, 6 Decembro, 2013

No marco das clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional na EAEM,  a vindeira semana celebrarase unha clase maxistral de percusión. O docente será o prestixioso músico alemán Simon Rössler, percusionista da Orquestra Filarmónica de Berlín dende 2008.

 

Para asistir as estas sesións ofrécense un total de 13 prazas. Terán lugar o luns día 9, pola mañá de 11.00 a 14:00 horas e pola tarde de 15:30 a 19:30 horas. O martes 10 o horario será de 15:30 a 19:30 horas e o mércores 11 pola mañá, entre as 11:00 e as 13:00 horas.

 

Rössler toca a percusión dende os seis anos. Fixo unhas probas para estudar na Academia da orquestra berlinesa e a súa forma de tocar a percusión causou tanto impacto que a orquestra contratouno de inmediato. Con anterioridade xa tivera varios anos de experiencia en diversas agrupacións do seu país e mesmo na Xove Orquestra da Unión Europea. Tamén ten actuado en grupos de jazz e pop.

 

Rössler sinala que está fascinado coa percusión dende a súa infancia debido á súa “ampla gama de posibilidades de expresión e á variedade e versatilidade dos seus instrumentos. Ademais, asegura que “a percusión, sobre todo na máis recente literatura orquestral, é realmente o latexo do corazón da actividade musical". Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa carreira destaca o primeiro premio no Concurso Internacional de Percusión en París en 2001. Tamén foi o gañador do certame “Xoves Músicos” de Alemaña en 2004.