Convenio coa USC para por en marcha unha exposición sobre Montero Ríos

venres, 24 Xullo, 2015

O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. O Consello de Administración aprobou as contas xerais do Consorcio relativas ao exercicio 2014.

 

Entre os temas abordados nas ordes do día, destaca ademais a sinatura dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago en relación á exposición que a institución académica vai organizar en torno á figura de Eugenio Montero Ríos.

 

A USC vai poñer en marcha, coa colaboración de distintas entidades da cidade -Ateneo, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Cámara de Comercio, Colexio de Avogados, Consorcio e Concello de Santiago-, unha exposición sobre a figura do político Eugenio Montero Ríos. O obxectivo principal desta mostra é dar a coñecer os feitos máis relevantes do insigne compostelán, a súa traxectoria vital, intelectual e política. A través desta iniciativa transmitirase tamén a transformación urbanística que se desenvolve na cidade de Santiago grazas a proxectos e construccións civís impulsadas por Montero Ríos como a liña do ferrocarril Cornes-Carril, a reforma do edificio da Universidade, a Escola de Veterinaria, a Facultade de Medicina e Hospital Clínico, o Colexio de Xordomudos e Cegos de Galicia ou a Exposición Rexional de 1909.

 

No marco deste convenio de cooperación, o Consorcio aportará á Universidade de Santiago un total de 3.000 euros para a realización desta mostra.

 

Convocatoria extraordinaria do CAEO para as especialidades de trompa e violoncello

 

Outro dos temas que se trataron esta mañá foi a convocatoria extraordinaria do Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) da Escola de Altos Estudos Musicais para cubrir unha praza na especialidade de trompa e outra na de violoncello, ao quedaren desertas nas probas realizadas no mes de xuño. Os interesados poderán inscribirse antes do 7 de setembro a través da páxina web da escola (www.eaem.es) e os aspirantes seleccionados terán que pasar unhas probas de acceso o 15 de setembro. O CAEO está recoñecido como título propio da Universidade de Santiago.