A Escola de Altos Estudos Musicais acaba de poñer en marcha unha nova edición do curso de corda para nenos. Esta iniciativa diríxese a rapaces, estudantes de corda, de entre 5 a 13 anos. Ofrécense un total de 14 prazas: 8 para violín, 2 para viola, 3 para violonchelo e 1 para contrabaixo. O curso celebrarase entre os meses de febreiro e xuño.
O 25 de xaneiro remata o prazo de inscrición
Os alumnos interesados en participar neste curso deberán presentar unha solicitude ata o 25 de xaneiro, a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Para acceder ao mesmo, o 29 de xaneiro, ás 18:30 horas, realizarase unha audición na sede da EAEM, onde os rapaces deberán interpretar unha obra de libre elección.
En canto aos contidos desta experiencia formativa, serán un mínimo de dez horas de preparación individual repartidas ao longo de todo o curso. Tamén haberá un mínimo de cinco horas de actividades colectivas de agrupación instrumental. E, ademais, realizarase un concerto no mes de xuño, onde os alumnos interpretarán tanto obras individuais como de conxunto.
A EAEM realizará unha campaña informativa en todos os conservatorios e escolas de música de Galicia para que as xeracións máis novas de músicos teñan a oportunidade de mellorar os seus coñecementos e a práctica en relación a estes instrumentos. Os profesores son docentes da propia Escola, que á súa vez son músicos integrantes da Real Filharmonía de Galicia. Tamén se contará coa colaboración dalgún compoñente da Orquestra Sinfónica de Galicia, en particular do seu violonchelista coprincipal.