Día Internacional contra a Violencia de Xénero

xoves, 13 Novembro, 2014

O Día Internacional contra a Violencia de Xénero celébrase o martes 25 de novembro. Con motivo desta data, o Consorcio de Santiago cede as instalacións do Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na Praza das Praterías, para a realización dun acto simbólico. Na cristaleira da fachada do edificio mostraranse unhas fotografías e proxectarase un vídeo para sensibilizar sobre este problema social. Será no horario habitual do museo, durante a mañá de 10.00 a 14.00 e pola tarde de 16.00 a 20.00 horas.

 

Cicatrices. Realidades maquilladas é un proxecto da fotógrafa compostelá Ainoa Calvo. Tal como ela mesma explica, esta iniciativa “fala do camiño que han de seguir as vítimas da violencia para a recuperación da súa autonomía e integridade. De como o contorno xoga un papel esencial, creando unha rede importantísima durante este proceso e de como é posible axudar a romper o triángulo de violencia cun pouco de escoita activa. Porque todos seremos vítimas dalgún tipo de violencia ao longo das nosas vidas e millóns de persoas nunca chegarán a recoñecer nin a denunciar a situación na que viven”.

 

A fotógrafa convídanos a observar e intentar intuír se algunha das persoas retratadas no proxecto ten sido algunha vez vítima deste tipo de violencia. Incítanos a interpretar e a concienciármonos de non xulgar máis ás vítimas, xa que “se a vítima non é claramente recoñecible, pasa a non estar estigmatizada, a ser unha máis. É así como pode romper e compartir o seu silencio” -manifesta-.

 

Para a realización destas imaxes, xunto coa colaboración especial da actriz Camila Bossa, unha vintena de persoas prestáronse a seren “obxectivadas” co fin de “denunciar unha situación máis habitual do que moitas veces desexariamos e máis cercana do que moitas veces supoñemos” -sinala Calvo-. O vídeo acompáñase dunha voz en off cun texto do director teatral Peter Brook, posto que, tal como indica a promotora desta iniciativa, “a montaxe ten moita relación co teatro”. 

 

Como clausura deste acto, ao redor das 19.30 horas, a cantante compostelá de orixe palestina Najla Shami ofrecerá un pequeno concerto, no que, entre outros temas, interpretará varios poemas de Rosalía de Castro.