Día Internacional do Libro na Casa do Cabido (23 de abril, 11-14 horas)

xoves, 13 Abril, 2017

O domingo 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. Con motivo desta conmemoración, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na Praza das Praterías), tanto adultos como ao público infantil e xuvenil. A Casa do Cabido abrirá o domingo no seu horario habitual, só pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas.

 

Todos os exemplares que se porán a disposición dos visitantes están relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia en Santiago. Pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio. Así, o organismo posúe un total de seis coleccións diferenciadas: a biblioteca facsimiliar, a científica, a biblioteca de divulgación xacobea, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.

 

Os visitantes da Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición de fotografías “Mirando a cidade. Un paseo pola historia de Compostela”, que mostra a evolución urbana da cidade de Santiago, dende a súa orixe ata a actualidade. Son un total de 61 instantáneas de 58 autores e autoras diferentes, integrados na Asociación Cultural Fotoforum Compostela.

 

Durante a Semana Santa, entre o xoves día 13 e o domingo 16, visitaron a Casa do Cabido un total de 741 persoas.