Dous libros sobre Eugenio Granell recollen o seu regreso do exilio e as súas cartas con Vicente Llorens

xoves, 24 Marzo, 2022

O Consorcio de Santiago presenta na tarde deste xoves dous libros pertencentes á Biblioteca Literaria Compostelana e coeditados coa editorial Alvarellos sobre aspectos do exilio sufrido polo artista Eugenio Granell entre os anos 1939 e 1985 tras a súa adhesión ao bando republicano. Durante eses anos viviu en países como República Dominicana, Guatemala, Porto Rico ou os Estados Unidos de América.

 

Por un lado, o libro de Violeta González Forte 'Eugenio Granell, regreso de un surrealista exiliado' que versa sobre a vida do pintor tras o seu regreso do exilio. Pola outra, o libro 'Un diálogo entre supervivientes. Eugenio Granell y Vicente Llorens', recolle da man de Inmaculada Real López as cartas que intercambiaron o galego e o historiador valenciano durante máis de catro décadas de amizade.

 

No acto de presentación estiveron, ademais das dúas autoras, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, a xerente do Consorcio Belén Hernández e Henrique Alvarellos, director da editorial Alvarellos.

 

Regreso dun surrealista exiliado
No primeiro dos dous libros que se presentan este xoves, a doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista na obra de Eugenio Granell, sobre o que presentou a súa tese doutoral en 2015, Violeta González Forte (A Coruña, 1982), asina un libro que se detén nas circunstancias e peripecia vital do regreso do exilio por parte do artista.

 

Neste libro poderemos ler as cartas cheas de desasosego, as grandes dúbidas e a amargura dun retorno que implicaba soportar un país cuxa ditadura parecía interminable para pasar aos firmes apoios que foi logrando cara ao final do franquismo e que comezaron a reivindicar a súa figura. Un esforzo que culminou en 1995 co nacemento da Fundación Eugenio Granell en Compostela.

 

Un díalogo entre superviventes
Por outra banda, a investigadora posdoutora da Universidade de Zaragoza, Inmaculada Real López (Toledo, 1984), recolle na súa obra 'Un diálogo entre supervivientes. Eugenio Granell y Vicente Llorens', máis de cen cartas inéditas intercambiadas entre Eugenio Granell e o historiador Vicente Llorens durante as súas máis de catro décadas de amizade, desde o seu encontro no exilio da República Dominicana nos anos 40.

 

Neste libro recóllese correspondencia que abre un interesantísimo espazo de reflexión sobre as súas respectivas diásporas. Unha transcrición que está precedida por un detido estudo introdutorio onde a autora analiza as pontes culturais entre os desterrados e a España franquista, as bibliotecas perdidas pola Guerra Civil e o empeño dos nosos protagonistas por volvelas reconstruír e, por último, a crónica do retorno, con grandes dúbidas, temores e enormes interrogantes sobre o que atoparían en España.

 

Por un lado, o libro de Violeta González Forte 'Eugenio Granell, regreso de un surrealista exiliado' que versa sobre a vida do pintor tras o seu regreso do exilio. Pola outra, o libro 'Un diálogo entre supervivientes. Eugenio Granell y Vicente Llorens', recolle da man de Inmaculada Real López as cartas que intercambiaron o galego e o historiador valenciano durante máis de catro décadas de amizade.