A EAEM realizará a vindeira semana unhas probas para cubrir dúas prazas de viola

A EAEM realizará a vindeira semana unhas probas para cubrir dúas prazas de viola
mércores, 30 Outubro, 2013

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha unha convocatoria extraordinaria para cubrir dúas prazas de viola para o seu Curso de Especialización Instrumental. As probas de selección terán lugar a vindeira semana, o venres día 8 de novembro, e realizaranse na sede da Escola. Os aspirantes teñen de prazo ata o mércores día 6 para inscribirse no curso. As probas consistirán en interpretar dous movementos ou pezas de estilos diferentes, elixidas por eles mesmos, que non superen no seu conxunto os 20 minutos de duración.

 

O Curso de Especialización Instrumental da EAEM diríxese a todos aqueles estudantes de grao medio e superior que queiran perfeccionar a súa técnica instrumental. As clases comezan o 18 de novembro e rematan o 30 de xuño de 2014. Os alumnos reciben clases individuais, un mínimo de 15 horas repartidas ao longo do curso académico.

 

O obxectivo deste programa formativo é o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida: frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, violín, viola, violonchelo, contrabaixo ou percusión. Nestes intres todas as especialidades xa teñen cubertas as súas prazas, agás a de viola, que está pendente de cubrir dúas das tres prazas que se ofertan nesta edición.