Entrega de publicacións na Casa do Cabido o Día das Letras Galegas e o Día dos Museos

luns, 15 Maio, 2017

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na Praza das Praterías) ao longo da xornada, ata que se esgoten as existencias.

 

E, ao día seguinte, o xoves 18, no marco da conmemoración do Día Internacional dos Museos, o organismo tamén obsequiará con libros do seu fondo editorial aos visitantes da Casa do Cabido. Trátase de exemplares relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia de Santiago. Os exemplares pertencen ás diferentes bibliotecas do Consorcio: a biblioteca facsimiliar, a científica, a biblioteca de divulgación, a literaria, a biblioteca de imaxes e a biblioteca infantil e xuvenil.

 

O pasado 23 de abril, Día Internacional do Libro, durante as tres horas que estivo aberta ao público, a Casa do Cabido recibiu un total de 600 visitas, ás que tamén se lle entregaron publicacións do Consorcio.

 

As persoas que se acheguen estes días á Casa do Cabido terán ademais a oportunidade de facer un percorrido pola exposición de fotografías Mirando a cidade. Un paseo pola historia de Compostela, que mostra a evolución urbana da cidade de Santiago, dende a súa orixe ata a actualidade. Son un total de 61 instantáneas de 58 autores e autoras diferentes, integrados na Asociación Cultural Fotoforum Compostela.

 

A Casa do Cabido abrirá o mércores 17 e o xoves 18 no seu horario habitual, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 21:00 horas pola tarde.