Estase a dixitalizar o fondo fotográfico de Estalote para poñelo a disposición do público

mércores, 2 Maio, 2018

O fotógrafo compostelán Ramón Sánchez Estalote (1908-2002) retratou a cidade de Santiago e parte de Galicia durante as décadas centrais do século XX. O seu arquivo, gardado en caixas de zapatos e nunha vella maleta de cartón, algo moi habitual nesa época, foi recuperado polos seus sobriños pouco despois do seu falecemento. Hai uns meses, os seus herdeiros asinaron un convenio co Consorcio de Santiago en virtude do cal lle cederon estes fondos para garantir a súa conservación e divulgación.

 

Este fondo fotográfico, que agora custodia o Consorcio, reúne unhas 4.000 fotografías e uns 90 metros de película repartidos nuns 1.500 negativos. Tamén se conserva o álbum de fotos persoal de Estalote, coa súa familia, as súas viaxes e excursións…

 

“As fotos están relativamente ben conservadas” -asegura Xabier Vieiro, responsable de conservar e dixitalizar o fondo. O seu labor comezou a principios de marzo deste ano. “O primeiro paso foi limpar todo o material con paño estático e aire comprimido porque tiña moito po. É un traballo lento xa que cómpre ser moi meticuloso. Despois houbo que ordenar todo por materiais (tipos de papeis…) e tamaños e logo clasificar segundo a temática das fotos” -explica-. Nestes intres está a avanzar no proceso de dixitalización, co fin de poñer todo este patrimonio a disposición da cidadanía en xeral e dos investigadores.

 

As fotos máis antigas son da Guerra Civil

 

As fotos máis antigas que se conservan son da Guerra Civil, entre os anos 1936 e 1939. No momento do alzamento Estalote estaba en Burgos e mesmo chegou a retratar a Franco. No caso da cidade de Santiago, as instantáneas máis antigas corresponden aos últimos anos da década dos corenta do pasado século e as máis modernas datan dos anos 1974 a 1977. Entre todo o material que custodia o Consorcio hai negativos inéditos, negativos que teñen o seu correspondente positivo en papel e tamén hai positivos que carecen do seu negativo. Ademais, coas súas fotos facíanse postais da cidade para os turistas.

 

Respecto á complexidade de coñecer cando se fixo cada unha das instantáneas, “hai fotos que son doadas de datar pola propia imaxe que mostran. Os negativos que empregaba Estalote eran de fabricantes nacionais, de xeito que neses casos carécese de información da fábrica para saber cando se tiraron as fotos. Pero si cando utilizaba a marca Kodak, xa que nas perforacións das películas hai un código baseado nunha serie de símbolos que ofrecen información relativa á data de fabricación” -indica Vieiro-.

 

O experto salienta que “non se trata só de dixitalizar e almacenar, senón de facer un arquivo operativo, que todo estea ben catalogado e ben conservado, coñecer o estado de cada elemento e as necesidades específicas de conservación que se requiren. Cómpre deter o proceso de destrución que conleva a propia química do papel. É importante conservar os orixinais das fotografías, porque máis alá de reproducir dixitalmente a súa información visual, as fotos como obxecto físico levan consigo moita información sobre o contexto social no que se realizaron”.

 

Fotos coloreadas a man e fotos aéreas

 

“A colección vai ter un valor enorme como patrimonio cultural da cidade. Ademais, co paso do tempo terá aínda máis valor porque Estalote pintaba a man moitas copias, que eran en branco e negro. Facíao cuns iluminantes, unha especie de pinceis. É unha intervención directa e singular do autor, como se se tratase dun cadro, e Estalote era un magnífico iluminador de fotos” -destaca o experto-.

 

Vieiro lembra que Estalote ía en avioneta cun amigo seu do Aero Club para realizar fotos aéreas. Logo pintaba cada edificio tella por tella. “Era un virtuoso deste sistema, polo que as copias teñen agora un gran valor documental. Mesmo facía varias versións da mesma imaxe e probas de cor detrás do cartón. El decidía a visión do mundo que quería divulgar” -apunta-.

 

Nestas fotos aéreas, moitas das cales son inéditas, pode contemplarse o Santiago dos anos 50, un momento transformador da cidade: o Campus recén construído, a estación de ferrocarril recén feita, o emblemático Edificio Castromil… Hai imaxes tan curiosas como o edificio do actual Parlamento de Galicia rodeado de leiras, a Praza Roxa a prado, o cambio do tellado da igrexa do Pilar, o tipo de vehículos da época, a roupa da xente, as leiteiras, a feira de gando… ata os primeiros partidos de fútbol do Compostela na Residencia… “As fotos de Estalote conservan a historia visual da cidade desa época” -afirma o experto-.

 

Fotos en tons vermellos

 

“Entre todo este valiosísimo material atopamos algunha rareza como fotografías viradas a ferro, que son en branco e negro pero a copia final somérxese nunha nova cubeta para darlle uns tons vermellos fronte á orixinal gama de grises. É un proceso pouco frecuente. Tamén hai películas de medio formato, un carrete un pouco máis ancho do habitual, e que están entre as máis antigas que se conservan do autor” -explica Vieiro-.