Baixo o título “Compostela, a Terceira Dimensión”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de instantáneas en 3D da cidade de Santiago do estereógrafo coruñés Enrique Criado. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías, dende finais do pasado mes de setembro. O vindeiro domingo, 11 de decembro, é o último día para percorrela. Durante estes meses visitárona máis de 4.000 persoas, das cales 450 foron estudantes, na súa maioría de centros educativos de Santiago.
Esta mostra reúne un total de 35 imaxes representativas do casco histórico compostelán, en particular da catedral -como final do Camiño- e do seu contorno. Hai fotografías nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis emblemáticos… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas ao longo dun período de 16 anos. Todas elas forman parte da súa colección persoal. Algunhas xa foron tomadas en 1999, polo que se pode ver a fachada da catedral e o Pórtico da Gloria sen andamios, e as máis actuais corresponden a este verán.
“A finalidade é converter ao espectador nunha testemuña virtual, de xeito que perciba, en primeira persoa, eses fragmentos de realidade que unha imaxe convencional ou en dúas dimensións non pode transmitir” -indica Enrique Criado-. Para a visualización destas fotografías empréganse lentes con filtro de cor.
Esta mostra resulta especialmente indicada e atractiva para os centros educativos. Os colexios que estean interesados en visitala deberán poñerse en contacto coa Casa do Cabido no teléfono 981 576 661.
A exposición pode visitarse ata este domingo no horario habitual da Casa do Cabido: de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e o domingo de 11:00 a 14:00 horas. Os luns está pechada ao público.