Este xoves clausúrase a exposición de fotos de Estalote na Casa do Cabido

martes, 10 Novembro, 2015

Baixo o título “Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo”, o Consorcio de Santiago promoveu unha exposición de imaxes do fotógrafo compostelán. A mostra estaba repartida entre a Casa do Cabido (na Praza das Praterías), onde poderá visitarse ata este xoves, 12 de novembro; e o Museo do Pobo Galego, onde se clausurou a finais de setembro. Dende a súa inauguración, o 7 de xullo, visitaron ambas exposicións máis de 22.000 persoas.

 

A mostra reúne fotografías de Ramón Sánchez Estalote (1908-2002), coñecido na cidade como Moncho. Son unha selección de imaxes ligadas á peregrinación, a Catedral, o Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como instantáneas dos oficios da época, como as leiteiras que viñan dos pobos cercanos ou os feirantes.

 

As imaxes están contextualizadas literariamente con textos de García Márquez, Lorca ou Gerardo Diego, entre outros. Son tanto reproducións feitas a partir dos negativos como fotos orixinais rescatadas do amplo fondo fotográfico que conserva a familia do autor. Na súa maioría trátase de imaxes  en branco e negro, aínda que tamén hai algunha iluminada con cor polo propio fotógrafo.

 

Coa súa cámara Leica ao ombro, Estalote, ao que non lle gustaba o estatismo da foto de estudio, deambulou durante máis de seis décadas por Compostela, e cando a cidade de nacemento lle quedaba pequena trasladábase ata Os Cantóns da Coruña ou ao barrio do Berbés en Vigo. Entrou a traballar no compostelán negocio de Fotos Gamallo, situado na rúa das Orfas, aos catorce anos e mantívose activo ata preto xa de cumprir os noventa.

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido (Praza das Praterías) ata este xoves, 12 de novembro; en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.