Exposición conmemorativa dos 25 anos do Consorcio

mércores, 29 Novembro, 2017

Baixo o título “Consorcio de Santiago, Cultura e Patrimonio. 25 anos do Consorcio na cidade”, o organismo promove unha exposición que repasa a súa traxectoria. A mostra ten dúas sedes, a Casa do Cabido (na praza das Praterías), onde se reúne o labor cultural da entidade; e a Fundación Torrente Ballester, que concentra as súas actuacións no patrimonio histórico.

 

Na Casa do Cabido repásase a historia e o labor cultural do Consorcio

 

Na Casa do Cabido faise balance das máis de 200 publicacións vencelladas á cidade editadas polo organismo ao longo destes anos. Así mesmo, dende 1993, organizáronse máis de 200 exposicións, que se resumen en fotografías, catálogos e folletos das máis representativas. Outra sala está centrada no labor de promoción e difusión da cidade que ten realizado o Consorcio, en particular a través do proxecto Compostela 93, e hai un espazo dedicado á Real Filharmonía de Galicia.

 

Ademais, a través de imaxes e documentos históricos, amósase a historia do organismo, incluída a creación do Real Padroado e as cinco reunións que ata o momento se celebraron do mesmo.

 

Na Fundación Torrente concéntranse as actuacións no patrimonio histórico da cidade

 

Na Fundación Torrente Ballester pódese facer un percorrido polas actuacións que o Consorcio levou a cabo dende 1992 no relativo á conservación e posta en valor do patrimonio histórico de Santiago, a través da recuperación urbana e do espazo público, xunto á actualización de importantes infraestruturas e equipamentos da cidade.

 

Móstranse grandes fotografías, planos e paneis explicativos. Recóllense os programas de rehabilitación de vivendas e de locais comerciais, xunto á restauración de monumentos. Relacionado co espazo público, reúnense as actuacións realizadas nas rúas e zonas verdes da cidade histórica. O Camiño de Santiago tamén ten protagonismo, a través do Plan Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés redactado polo Consorcio. E incídese na “Estratexia Verde”, elaborada polo organismo, centrada na redución da pegada ecolóxica a partir das zonas verdes.

 

Horarios da exposición

 

A exposición permanecerá ata mediados de decembro. Na Fundación Torrente Ballester pode visitarse de martes a venres en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas; os sábados de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas; os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas; e os luns pecha. E na Casa do Cabido pode percorrerse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de 16:00 a 20:00 horas a partir de novembro) e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns a Casa do Cabido tamén está pechada ao público.