A exposición “A pegada do coñecemento” reúne na Casa do Cabido, dende mediados do pasdo mes de abril, os principais fondos da biblioteca histórica do Instituto Arcebispo Xelmírez I, que foi restaurada durante os últimos dous anos co apoio do Consorcio de Santiago. A mostra pode visitarse de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
O IES Xelmírez I posúe un notable patrimonio bibliográfico, acumulado durante toda a súa historia, procedente do perı́odo no que estivo vencellado á universidade, de doazóns de antigos profesores, de adquisicións propias… “É unha das máis importantes e mellores bibliotecas que se poden atopar nun instituto galego” -asegura a restauradora Barca Cereijo, comisaria da mostra xunto ao profesor xubilado César García Camporro-.
Entre as xoias que poden contemplarse nesta exposición destacan volumes de moi difícil localización na actualidade como Las obras de Pvblio Virgilio Maron, que datan de 1650; un exemplar de En las orillas del Sar de Rosalía de Castro de 1884; a Historia de la Iglesia de Santiago de Compostela do cóengo Antonio López Ferreiro, 11 tomos publicados entre 1898 e 1909; a Biblioteca de Autores Españoles, de 71 tomos, publicada en 1864; varias edicións do Diccionario de la Lengua Española da Real Academia; dicionarios e gramáticas dos séculos XVIII e XIX; manuais de matemáticas, historia, física, química, grego...; atlas antigos, lexislación, revistas científicas… Todo este material procede de diferentes países, entre eles Francia, Italia, Alemaña, Holanda ou Arxentina.
Na mostra tamén se reúnen unha serie de láminas murais de elevado valor histórico, que se empregaban antigamente nas clases. Sobresae en particular unhas dos órganos da circulación e respiración humanos do doutor francés Achille Comte, datada en 1845; outra do cerebro dos mamíferos, tamén de Achille Comte; e unha do cangrexo de río, pertencente á colección de láminas de zooloxía do doutor austríaco Paul Pfurtscheller.
Por outro lado, exhíbense pezas do século XIX de gran valor que se conservan no museo do centro, como un fole acústico de oito tubos, un aparato de laboratorio que se usaba para estudar o son nas clases de física; un epidiascopio, un proxector que se empregaba nas aulas, chegado de Alemaña en 1927; vasos e probetas de laboratorio e un globo terráqueo. A exposición recolle ademais como foi o proceso de restauración dos fondos bibliográficos da biblioteca, xunto ao tratamento das instalacións, que comezou en 2016.