Inaugúrase a exposición “Compostela interpreta os pioneiros da fotografía”

mércores, 4 Xuño, 2014

O Consorcio de Santiago inaugurou a exposición “Compostela interpreta os pioneiros da fotografía” na Casa do Cabido. Trátase de 51 instantáneas realizadas por outros tantos fotógrafos da Asociación Cultural Fotoforum Compostela, que decidiron reinterpretar as imaxes dos grandes mestres desta arte entre 1840 e 1930. Ao acto asistiron a xerente do Consorcio, María Antón; o presidente de Fotoforum Compostela, Fuco Reyes; o secretario do colectivo, Mino Andrade; xunto cos restantes fotógrafos participantes nesta iniciativa.

 

Tal como explica o presidente de Fotoforum Compostela, Fuco Reyes, “este proxecto expositivo xurdiu da proposta dun reto fotográfico: emular no presente, coas técnicas modernas, e dentro do contexto da cidade compostelá, os grandes persoeiros da fotografía que foran, no seu tempo, pioneiros nunha nova disciplina artística. Moitas veces incomprendidos ou relegados a un segundo plano por se considerar artesáns dunha arte menor, hoxe, co paso do tempo, podemos apreciar a súa vontade innovadora e mesmo investigadora ao empregaren unha técnica descoñecida e recente que non contaba aínda con moitos adeptos. Non obstante, brillaban pola orixinalidade, o esforzo compositivo, a inquietude artística e o traballo creativo, que ficaron plasmados en pezas que agora son admiradas como obras mestras da fotografía”.

 

Para levaren a cabo este reto, os membros do Fotoforum Compostela traballaron con imaxes comprendidas entre 1840 e 1930. Inspiráronse nun século de produción fotográfica para logo reproducir, nos tempos actuais, o labor daqueles autores. “A exposición intenta compartir co público este traballo de creación interna que cada fotógrafo experimentou ao longo do proceso” -salienta Reyes-. Así, cada unha das instantáneas vai acompañada dun cartel explicativo no que se reproduce a menor tamaño a imaxe orixinal que se tomou como modelo, xunto con datos do seu autor, data e referencias biográficas e tamén os datos do autor da fotografía actual.

 

As fotos enmárcanse na cidade de Santiago

 

Para realizar cada unha das obras os 51 fotógrafos participantes, todos eles integrados no colectivo Fotoforum Compostela, tiveron que analizar polo miúdo a vida do autor, a época na que lle tocou vivir, os medios dos que dispoñía, o tratamento da luz e a composición da imaxe. “A finalidade era interpretar cada unha destas instantáneas e achegalas a Compostela, para que fose a propia cidade a que nos aportase as imaxes” -sinala Reyes-.

 

Nesta exposición reinterprétanse fotos de grandes mestres da fotografía como André Kertész, Edward Weston, Man Ray, Alfred Eisenstaedt, Ruth Matilda Anderson, Ksado, Imogren Cunnigham, Jacques Henri Lartigue ou Manuel Chicharro Bisi, entre outros moitos. A fotografía máis antiga é do ano 1840; o seu autor é Hippolyte Bayard, que como protesta fotografou a súa propia morte. As máis recentes son dos anos trinta do pasado século e entre elas destaca unha dun dos fundadores do construtivismo, o artista ruso Alexander Rodchenko.

 

A mostra poderá visitarse ata o 3 de xullo; de martes a sábado, polas mañás de 10.00 a 14.00 horas e polas tardes de 17.00 a 21.00 horas. Os domingos a Casa do Cabido abre de 11.00 a 14.00 horas e os luns permanece pechada.