Inaugúrase a exposición de fotos «Arte e ritual na catedral de Santiago»

xoves, 10 Abril, 2014

O Museo das Peregrinacións acolle unha exposición de 29 fotos en branco e negro sobre o ritual na catedral de Santiago do artista coruñés Luis Gabú. Ao acto de inauguración acudiron o conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón, e o propio Gabú.

 

Inspiradas na relixiosidade envolvente dos rituais no impactante, hipnótico e misterioso escenario da catedral de Santiago, segundo explica Gabú, as imaxes reflicten con precisión “a intimidade dun mundo verídico, pero ao mesmo tempo, máxico, configurado pola presenza dos peregrinos na súa viaxe”.  O autor suliña que a catedral de Santiago é un lugar cargado de emoción e espiritualidade, non só desde o punto de vista cristián: “Neste templo, millóns de persoas moi diferentes entre si deixaron unha pegada de sensacións invisibles, pero presentes ao mesmo tempo. Ás persoas máis sensibles transmítelles unha especie de sensación de ter vivido noutras vidas en Santiago”.

 

Desde o punto de vista artístico, a mostra mantén a linguaxe doutros proxectos, “que consiste na utilización dos contrastes entre luces e sombras, por seren en certo modo os que tratan de explicar, organizar e darlles sentido ás relixións do mundo: a vida e a morte, o ben e o mal, a verdade e a mentira”. Gabú explica que a cámara non ve, é un medio como o pincel e o óleo: “O ollo humano é o que amosa a capacidade de captar a emoción e crear unha obra de arte cunha cámara fotográfica”.

 

As primeiras etapas de Luis Gabú, que naceu na Coruña, transcorren na Amazonía brasileña e países centroamericanos. Posteriormente comeza o seu periplo africano, onde suma varios proxectos aos que o artista denomina África espiritual, facendo moitas viaxes solitarias polos lugares “onde habita o esquecemento”, segundo advirte.

 

A exposición de Gabú poderá visitarse ata xuño; de martes a sábado, polas mañás de 10.00 a 14.00 horas e polas tardes de 17.00 a 21.00 horas. Os domingos o museo abre de 11.00 a 14.00 horas e os luns permanece pechado.