Inaugúrase a exposición “Os instrumentos do Pórtico da Gloria”

martes, 29 Abril, 2014

O Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) acolle a exposición “Os instrumentos do Pórtico da Gloria”, organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración coa Fundación Barrié de la Maza. Ao acto de inauguración acudiu o alcalde da cidade, Ángel Currás; a xerente do Consorcio, María Antón; e o director de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié, José Enrique Fernández Varela.

 

A mostra componse dunha selección de réplicas en madeira de fídulas, harpas, salterio, organistrum ou laúde, que pertencen á colección da propia fundación. Dous paneis interactivos onde se poden ver as pezas en 3D, así como un documental sobre a súa construción, complementan a mostra, que aporta información gráfica sobre o sitio que cada instrumento ocupa na xoia románica do mestre Mateo. Igualmente, nun facsímile do Códice Calixtino pódese ver a música que se interpretaba na Idade Media.

 

O Consorcio indica que esta exposición, que permanecerá na primeira planta do museo ata setembro, supón unha “extraordinaria oportunidade para gozar dunhas pezas únicas, tanto polo seu deseño como pola emoción que producen, e que será moi apreciada por todo tipo de visitantes, ademais de ser un bo reclamo para peregrinos e turistas”.

 

“Sen dúbida, algún dos escultores que traballou no Pórtico, ademais do sólido oficio no talle da pedra, posuía fundados coñecementos coa madeira e a luthería…, e como non: entendía profundamente as manías dos músicos en acción e en repouso”. É un dos textos que acompañan a mostra, extraído da obra de Carlos Villanueva El Pórtico de la Gloria. Música, Arte y Pensamiento. Tamén se reflicte a frase do estudoso xesuíta José López Calo: “Dúas son as fontes principais de datos históricos que nos falan daquela cultura musical: o Pórtico da Gloria e o Códice Calixtino”.

 

A exposición pode visitarse de martes a sábado de 10 a 14 e de 17 a 21 horas e os domingos de 11 a 14 horas. Os luns o museo permanece pechado.