Inícianse as obras do retellado parcial do corpo claustral da Colexiata do Sar

sábado, 9 Agosto, 2014

O Consorcio de Santiago vén de iniciar as obras do retellado parcial do corpo claustral da Colexiata do Sar que durarán tres meses aproximadamente e serán executadas pola empresa adxudicataria, Orega, cun presuposto de 54.651,66 euros, IVE incluído. A panda ou galería norte do claustro ten problemas de impermeabilización e filtración de auga que ameazan o seu teito de madeira, porque non posúe un sistema de recollida de pluviais, así que se actuará para corrixir esta situación e se aproveitará para limpar os contrafortes e repasar o rexuntado das pedras. Por outra parte, os faldóns exteriores dos corredores sur e oeste presentan descomposición, roturas e pouca adherencia, polo que se procederá a retellalos completamente. “Esta restauración permitirá solucionar os problemas máis acuciantes que ten o monumento de Sar”, segundo indica a Oficina Técnica do Consorcio.

 

O párroco de Sar, José Porto, destaca que a Colexiata recibe anualmente entre 2.500 e 3.000 visitantes, dos que un vinte por cento son estranxeiros: “Alemáns e ingleses, seguidos de franceses e italianos, son os máis asiduos. Moitos veñen a rezar”, a maioría turistas españois pero tamén estranxeiros. Este inmoble do século XII e reconstruído no segundo decenio do XVIII, tras sufrir un importante desplome, conserva un arquivo parroquial con documentos primitivos de fundacións e doazóns. No claustro hai pezas do templo que foron atopadas nas diferentes restauracións. No ano 1895 foi declarado monumento nacional e hoxe en día é o único edificio de estilo románico que se conserva en Santiago logo da catedral.

 

A construción do mosteiro do Sar tiña por obxecto servir de casa de retiro aos cóengos agostiños, pero foi notable tamén a súa dedicación hospitalaria aos peregrinos que chegaban a Compostela pola Vía da Prata. O Plan Especial da Cidade Histórica recolle que o claustro, reedificado no século XVIII, conserva a parede norte da primitiva fábrica, descrita por unha sucesión de arcos de medio punto diversamente decorada e descansando nun ábaco común sostido polos dobres capiteis das columnas xemelgas.