Licítanse intervencións nos mosteiros de San Domingos de Bonaval e San Martiño Pinario

mércores, 28 Outubro, 2015

Unha vez recibidas as correspondentes licencias por parte do Concello e dos servizos de protección do Patrimonio da Xunta de Galicia, o Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a intervención en dous conxuntos monumentais emblemáticos da cidade, o mosteiro de San Domingos de Bonaval e o de San Martiño Pinario. No caso do Bonaval intervirase no volume que contén a súa escaleira helicoidal co fin de eliminar as humidades que a afectan. E en San Martiño Pinario limparanse e rexuntaranse a terraza e os muros do ciborio da igrexa e a cuberta do mesmo. O prazo para presentarse a estes concursos públicos remata o vindeiro 19 de novembro.

 

Escaleira de Bonaval

 

Dende o ano 2006 o Consorcio de Santiago interveu en varias ocasións no conxunto de San Domingos de Bonaval, onde, entre outros usos, se atopa o Museo do Pobo Galego. Nestes intres considérase prioritaria a actuación sobre o volume que contén a extraordinaria escaleira barroca helicoidal de tres corpos deseñada por Domingo de Andrade. Prodúcense filtracións da auga da chuvia ao interior, procedentes do encontro dos seus muros coa cuberta. Así, vanse recebar os muros que conforman o buque da escaleira tanto polo interior como pola parte externa.

 

Ademais, cómpre protexer as monteas (debuxos que servían como guía aos canteiros á hora de tallar cada pedra), únicas en Galicia, que da propia escaleira hai no chan, posto que se están a desgastar polo tránsito de usuarios e turistas. 

 

Igrexa de San Martiño Pinario

 

Por outro lado, o organismo interadministrativo actuará no conxunto conventual de San Martiño Pinario, en particular no ciborio da igrexa, co fin de evitar a entrada da auga da chuvia ao interior do edificio, que chega a producir goteiras sobre o altar.

 

A auga fíltrase pola terraza do ciborio, sobre todo polos encontros desta cos muros e coa balaustrada e cornixas perimetrais e pola cuberta. As obras centraranse na limpeza da terraza, muros e cornixas mediante a eliminación de plantas e musgos; xunto co rexuntado da cantería e o retellado da cuberta do ciborio.

 

Ademais, a entrada de auga cara aos recheos dos muros produce o debilitamento do sistema estrutural do edificio e acaba aparecendo pola cara interior da cúpula da igrexa, polo que a actuación tratará de resolver todas estas patoloxías.