Licítase a renovación da cuberta e das fachadas sur e oeste da igrexa da Orde Terceira

luns, 16 Novembro, 2015

Unha vez recibidas as correspondentes licencias por parte do Concello e dos servizos de protección do Patrimonio da Xunta de Galicia, o Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a renovación da cuberta e das fachadas sur e oeste da igrexa da Orde Terceira Franciscana. O templo está integrado no conxunto do convento de San Francisco, declarado Ben de Interese Cultural en 1896. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 7 de decembro.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Xosé Allegue. Explica que “esta intervención centrarase na restauración das fachadas sur e oeste da igrexa, que, ao carecer de canlóns, presenta problemas derivados da acción das escorrentías da cuberta así como da salpicadura da auga dos aleiros contra as fachadas”.

 

Outro dos obxectivos prioritarios desta obra é a recolocación das tellas do tellado, que, ao estaren simplemente apoiadas sobre os cangos, levántanse cada vez que hai temporal, o que provoca a entrada de auga ás bóvedas e ás revocaduras da nave. E, en consecuencia, ponse en perigo a imaxinería e o retablo da igrexa. Segundo o arquitecto, “o retellado facilitará a substitución ou reparación de cangos e pontóns en mal estado, e a implementación de ganchos longos que permitan un maior solapamento da tella, polo que haberá que aportar tella vella idéntica á existente para compensar a superficie total. Isto dificultará a entrada de filtracións de pluviais”.

 

O saneamento das fachadas

 

Por outro lado, levarase a cabo o saneamento das fachadas, repicando a capa de revocadura en mal estado da fachada oeste na zona do coro. O resto da fachada oeste carece de revocadura, polo que se aplicará co fin de garantir a estanquidade da fachada. Finalmente,pintarase con pintura especial de silicato.

 

No caso da fachada sur, conserva a súa revocadura en bo estado, de xeito que simplemente haberá que limpar e sanear o soporte existente para un posterior pintado ao silicato idéntico ao das outras fachadas.

 

Para evitar que o problema das escorrentías da cuberta se reproduza sobre os novos paramentos, instalarase un canlón e baixantes de cobre, que conduzan directamente a auga da cuberta á rede, procurando afectar o menos posible á imaxe das fachadas da igrexa. Por último, limparase a pedra dos cercos das ventás. 

 

Outras intervencións do Consorcio na igrexa

 

A igrexa da Orde Terceira Franciscana foi obxecto nos últimos anos de catro intervencións de importancia promovidas e financiadas polo Consorcio de Santiago. En 1998, cun orzamento de 104.094 euros, reparouse a cuberta, as carpinterías, o coro, a instalación eléctrica e repuxéronse as cales interiores e exteriores. En 2000 leváronse a cabo obras de estabilización estrutural da cúpula e da nave da igrexa co atirantado exterior que se percibe, cun presuposto global de 60.125,9 €. En 2003 executáronse novas obras dirixidas a solucionar as filtracións de auga dende a torre, cun investimento de 102.188,53 €. E en 2013 saneouse a fachada leste do edificio con novas revocaduras, pinturas, canlóns e baixantes; intervención que ascendeu a 33.558,72 €.