Mantemento e reparación dos pavimentos da cidade histórica

xoves, 18 Xuño, 2015

O Consorcio de Santiago vén de adxudicar o servizo de reparación, mantemento e conservación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica para este ano, por un importe de 72.026,24 euros. A empresa Construcciones La Rosaleda comezará os traballos de xeito inmediato.

 

“A pedra que pisas” é un programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo Consorcio de Santiago dende o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito do casco histórico compostelán. 

 

Aínda que o programa está vencellado con estratexias innovadoras de mantemento estable e preventivo de espazos públicos urbanos monumentais, o seu obxectivo prioritario é garantir a seguridade dos peóns e cidadáns en xeral que se moven a pé neste ámbito. Con tal motivo e reforzando as actuacións de anos anteriores, crearase unha cuadrilla ou equipo de canteiros que se dedicará de maneira exclusiva a reparar con inmediatez calquera situación de risco para os peóns.

 

Por outro lado, este servizo trata de garantir a mellor conservación dos pavimentos. Nesta liña, o Consorcio salienta que cada unha das aproximadamente 200.000 lousas de granito que hai na cidade histórica compostelá require para o seu labrado e colocación dunha xornada de traballo completa dun canteiro. 

 

Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado, ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de subsanar o desperfecto.

 

Búscase conservar a maior cantidade de pezas orixinais

 

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promove que calquera operación de mantemento ou reparación que se efectúe en pavimentos históricos de lousas de granito se execute coas precaucións necesarias para preservar a autenticidade e a integridade do existente, facilitando ademais o seu mantemento futuro. Nesta liña, búscase conservar a maior cantidade de pezas orixinais e, en caso de ser necesaria algunha substitución, esta deberá efectuarse con pezas coas mesmas características e dimensións que as orixinais e, preferentemente, con lousas reutilizadas.

 

En 2014 actuouse en 25 rúas e prazas, cun total de 156 intervencións

 

Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas do casco histórico. No marco deste programa, en 2014 actuouse no lousado de 25 rúas e prazas diferentes, cun total de 156 intervencións. Interviuse na Rúa Nova, Acibechería, Algalia de Abaixo e Algalia de Arriba, Atalaia, Caldeirería, Conga, Troia, Casas Reais, Entremurallas, Fonte Sequelo, San Francisco, Xelmírez, Franco, Preguntoiro, Tránsito dos Gramáticos, Vía Sacra e Rúa do Vilar. E tamén se actuou nas prazas de Feixóo, San Fiz, Inmaculada, Praterías, Cervantes, Toural e no Obradoiro.

 

A pesar do éxito do programa "A pedra que pisas", dende o Consorcio sinalan que, “unha vez normalizadas as dinámicas de mantemento dos espazos públicos, cómpre advertir que a súa eficacia técnica e económica só é posible e depende de actuacións complementarias en relación coa imprescindible regulación do tráfico de vehículos e mercadorías no marco da cidade histórica”.