As monteas achadas en Santa Clara vanse debuxar na tarima da igrexa

venres, 3 Outubro, 2014

O Consorcio de Santiago celebrou unha xornada de portas abertas na igrexa conventual de Santa Clara para dar a coñecer as monteas do século XVIII descubertas no pavimento do templo. Trátase do conxunto máis completo e de mellor calidade que se coñece ata o momento, converténdose no máis destacado do barroco en Europa. 

 

Este descubrimento fíxose cando a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago estaba a iniciar a restauración da tarima de madeira que cobre o chan da igrexa. Debaixo da tarima apareceu o pavimento de pedra granítica completamente cuberto por monteas, debuxos a tamaño natural realizados pola cuadrilla que no seu día traballou na construción do edificio e que servían como guía aos canteiros á hora de tallar cada pedra. 

 

O equipo de expertos en monteas que está a estudar este achado deu a coñecer os avances das súas investigacións. Trátase do profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago Miguel Taín Guzmán, especializado en Historia da Arquitectura, en particular do barroco; e José Calvo López, profesor de Xeometría Descritiva e de Historia da Construción da Universidade Politécnica de Cartaxena. Ambos levan unha década colaborando xuntos no estudo das monteas aparecidas tanto en Galicia como no resto de España. Ofreceron unha charla divulgativa e acompañaron, xunto con técnicos do Consorcio, aos asistentes nun percorrido para ver as monteas in situ unha a unha. 

 

Cando rematen estes estudos, a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago procederá a restaurar a tarima do chan da igrexa, de xeito que as monteas quedarán cubertas pola mesma. “Pero para que o público teña a oportunidade de coñecer cal é o calibre deste conxunto, imos debuxar as monteas sobre a tarima unha vez colocada, antes de darlle verniz. E as partes que son más relevantes ímolas deixar practicables para os especialistas que desexen estudalas, de xeito que simplemente levantando uns caixóns que forman a tarima poidan acceder á visión directa das monteas” -explica a arquitecta do Consorcio encargada deste proxecto, Idoia Camiruaga-.