Nova edición revisada de La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, de Fernando López Alsina

venres, 24 Xaneiro, 2014

O Consorcio e a Universidade de Santiago acaban de publicar a segunda edición revisada do libro La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, de Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da USC. O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e o reitor da USC, Juan Casares, presentaron a publicación no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías).

 

A primeira edición, que vén de cumprir 25 anos, é de 1988 e xa leva tempo esgotada, de aí que se decidise publicar esta segunda, revisada e corrixida polo autor. Trátase da máis completa, exhaustiva e documentada monografía sobre a historia da cidade de Santiago entre os séculos IX e XI, é dicir, a súa orixe e primeiro desenvolvemento.

 

 

O autor logrou reunir 20.000 documentos da Idade Media

 

Esta publicación, que recolle a historia da Compostela medieval, é froito dun arduo e prolongado traballo de investigación, no que Fernando López Alsina perseguiu cada documento da época medieval cuxo contido tivese algo que ver con Santiago. Localizou orixinais, copias, traslados, referencias, mencións… de cada un dos 20.000 documentos que logrou reunir e revisar referentes a este período histórico.

 

O libro recolle aspectos de gran valor como o seguimento -por primeira vez na nosa historiografía- das dimensións físicas e sociais das parroquias entre os séculos VI e XII, unha coidadosa análise da sociedade rural na que vai xurdir Compostela, así como a reconstrución da primeira comunidade urbana de Galicia. Trátase dunha comunidade que cara o ano 1100 xa ocupaba unha superficie dunhas 30 hectáreas. É un dato singular se se compara coa extensión doutras cidades en épocas posteriores como Vitoria, que no século XV ocupaba 20 hectáreas; Viveiro unhas 7 e Bilbao ao redor de 6 hectáreas.

 

 

A finais do século XI xorde o primeiro suburbio da cidade

 

A cidade de Santiago xurdiu na Alta Idade Media, un feito excepcional en Galicia pola súa sorprendente precocidade. “Máis de cen anos antes da primeira grande eclosión urbana da sociedade galega, Compostela transfórmase nunha comunidade local privilexiada polo rei e diversificada dende o punto de vista social. Ocupa un marco plenamente urbano de 30 hectáreas amuralladas, desbordado xa a finais do mesmo século XI co primeiro suburbio que se desenvolve xunto ao Camiño, en torno á abadía de San Pedro de Fora” -destaca Alsina-.